Opinión

Veciños

Chegou a casa antes de tempo. Exactamente con media hora de adianto. Era venres e o tráfico lento ía na dirección contraria. Cando abriu a porta deu un paso adiante e ficou parado, como se acabara de chegar ao Polo Norte xeográfico e necesitara reflexionar sobre ese logro. Logo pousou a maleta no corredor, deixou as chaves nun aparador e chamou tres veces pola muller. Non contestou ninguén. Estaba só. Descalzouse. Foi directo ao dormitorio e quitou o traxe, que colgou no armario, e vestiu unhas bermudas e unha camiseta. Agora advertiu ata que punto estaba canso. Estaba canso e tiña sede, así que acudiu á neveira. Quedou un anaco mirando os estantes. Non sabía moi ben qué lle apetecía. Finalmente sacou unha cervexa.


Estaba canso, tiña sede e ademais desexaba falar con alguén no seu idioma materno despois de tres días intercambiando impresións en inglés cun grupo de empresarios, así que achegouse á vivenda do seu veciño Abelardo. Atopou entornada a porta do 5º E. Pensou que era raro. Hoxe ninguén deixa nada aberto. Nin a casa, nin o coche, nin a caixa forte, nin o paquete de tabaco. Asomou a cabeza, sen chamar, con sixilo. Se alguén estaba roubando o mellor era entrar discretamente e sorprender ao ladrón desarmado. Penetrou sobre a punta dos pés. Non viu a ninguén na cocina. Tampouco no salón. Cando se asomou ao dormitorio de Abelardo, viuno facendo o amor cunha muller á que, dada a postura que adoptaban, non conseguiu distinguir. O home retrocedeu cun sorriso debuxado na faciana. Alegrábase por Abelardo. Facíalle falta unha alegría. Era un tipo triste, solitario, incluso un pouco misántropo. O sexo era a mellor medicina.


Cando regresou á súa casa, sentou no sofá, puxo os pés na mesa e consagrouse á cervexa e a un programa televisivo no que o presentador facía preguntas simples e os concursantes respondía de inmediato. Unha vez acabou a cervexa foi buscar outra á neveira. Xusto entón entrou a súa muller pola porta. Vestía un pantalón moi curto e calzaba chancletas. De onde vés, preguntou o home, que non entendía que a muller fora traballar con esa pinta. Quedei sen sal e fun pedirlle un pouco a Abelardo. O home quedou mirando fixamente para ela.

Te puede interesar