Opinión

A verdade

A verdade é un erro, unha caída abismal. Digamos que se trata dun xesto de mal gusto, algo así como unha mala compañía. Tamén un gasto inútil. Por esa razón xa todos os individuos procuran evitala, incluso aqueles que sempre pensaron que caer na mentira conduciría ao deterioro interno. Non hai tal. Ou si, pero por outros motivos. A verdade non causa senón contrariedades. E así está máis ou menos asumido por todos. Como que Rajoy usa unha tintura infame para o pelo, ou que segundo a patronal dos e dos teñen que dar nove. Non lle dea voltas, non remexa, non contraataque. Dicir a verdade derivou menos nun movemento natural da comunicación que nunha ferramenta penosa e inútil. Xa non lle interesa a ninguén. Quen pode estar interesado por coñecer as cousas tal e como son? Demasiado duro. O home occidental non entende a vida máis que como unha sucesión de instantes felices, saborosos, capaces de esperar sensacións inéditas. Por que hai que expoñerse gratuitamente a calamidades? Non hai.


A verdade xa só se pode atopar no silencio, no lado escuro, na palabra etcétera, na manobra de ficar calado, ou na indiscreción, como cando Esperanza Aguirre falou do hijoputa ignorando que o micrófono estaba aberto. A verdade é un concepto... morto, tan desacreditado como rezar o Noso pai. Na política está demostrado que conduce á derrota porque os oídos dos cidadáns non están preparados para coñecela. Na Xustiza? Colapsada pola violencia, os delitos económicos, a corrupción, non pode perder o tempo nas falsas testemuñas. No cine, na pintura, na literatura, nada máis anódino, patético e infrutuoso que a triste verdade. Non sirve para explicar nada auténtico. As obras que falan da morte, o amor, a culpa, a derrota, a violencia, é dicir, todo canto verdadeiro leva o home dentro, non poderían expresarse senón a través da ficción. Todo na miña novela é verdade, aseguraba Boris Vian a propósito de Cuspeirei sobre a túa tumba, porque todo está inventado. Francamente, que garantía pode ser a verdade hoxe, fronte ao estímulo que provoca a mentira, as vantaxes, as súas ganancias? Tamén a verdade se inventa, escribiu Antonio Machado.



Te puede interesar