Opinión

Violencia

Cada vez que o cliente de cabelo rizo, corenta anos, gravata frouxa e alento de habitación de hospital entra pola porta do pub o camareiro resopra co fatalismo dun condenado a morte. Xa sabe que lle espera unha mala noite. Mala, de feito, non é a palabra, porque se só fora mala a noite sería óptima. Arrepiante axústame mellor, como adxectivo, ao panorama que se abre diante del cando este cliente senta fronte á barra e faille un xesto para que se achegue. A mecánica coa que actúa non varía nunca. Primeiro toma unha cervexa para quentar o circuíto interno. Logo colle a botella, xírase e queda de costas á barra, na que apoia os cóbados e varre dunha punta a outra o horizonte do local. Cando detecta esta manobra o camareiro sempre se pregunta se ao mover a cabeza así o cliente faino porque está buscando a alguén ou porque lle gusta observar o perímetro amplamente.


Rematada a cervexa comeza a quenda do whisky. Só, con xeo, en vaso de tubo. Antes abona a cervexa. Porque outros defectos si, pero non é un mal pagador. Doce copas despois, co cliente suficientemente borracho, chega o intre temido polo camareiro, o que converte a noite en algo non malo, nin malísimo, senón arrepiante. Cando o pub está baleiro, e o camareiro disposto a limpalo, o cliente comeza o relato do seu divorcio. Grazas a que se emborracha sen control, e ao día seguinte non lembra o que dixo a xornada anterior, a historia que narra é sempre a mesma. Así todos os venres e sábados dende hai catro anos. O camareiro detesta a historia, pero actúa como se lle interesara por non ser descortés. Actuaba. Hoxe non tolera oír de novo o mesmo conto, perde a paciencia, sofre un episodio de ira e en lugar de sentar a escoitar ao cliente, agárrao polo cabelo e golpéalle a cabeza contra a barra cantas veces son necesarias. Non se recoñece, pero está tan farto que non pode expresarse máis que coa linguaxe da violencia. Cando o home de cabelo rizo abandona do pub, o camareiro pregúntase como actuará o cliente a próxima semana, pero tamén como reaccionará el.


Te puede interesar