Opinión

Violencia

Fulaniño García e Menganiño Suárez acaban de coñecerse no lobby do hotel de luxo no que se hospedan, cáense ben e deciden continuar a conversa sentados nos sofás da cafetería, mentres toman un viño. Son as doce e media da mañá. Fulaniño está na cidade para fechar un negocio que diversificará os intereses da entidade financeira para a que traballa, e Menganiño para participar nun congreso internacional de psicoloxía clínica durante o que ten encomendado conferenciar sobre o uso da biorretroalimentación nos programas de tratamento do estrés, área sobre a que ten publicado un traballo de referencia no prestixioso Journal of Clinical and Health Psychology.


Axiña se advirte que o carácter de Fulaniño é cordial, sinxelo, espontáneo, e maniféstase incluso nos movementos da mans, mentres que Menganiño, a pesar de ser un suxeito extravertido e simpático, maniféstase coa mímica dun tipo disciplinado, ríxido. De feito, cando o camareiro, ao servir o viño e retirar a botella, verte unha gota do Chateau La Croix-Davids sobre a mesa, Menganiño move decepcionado a cabeza como se acabaran de asasinar ao seu fillo cravándolle un coitelo na barriga e desprazando a arma de abaixo a arriba, como mandan os canons. Pasado un minuto, o tempo que leva deixar que o caldo se acomode na copa e brindar polo éxito nos negocios, Menganiño escúsase, desaparece momentaneamente, e cinco minutos despois regresa con naturalidade, deixando as luvas para o frío sobre o sofá. Fulaniño non percibe nada estraño salvo que á camisa do interlocutor fáltanlle dous botóns, pero non sabería dicir se faltan dende que se ausentou ou se xa non estaban aí no intre de coñecerse. Axiña esquece ese detalle. Somérxense nunha conversa que denota que Fulaniño e Menganiño son eminencias máis aló dos business e da psicoloxía clínica. Cando xa transcorreu unha hora de charla despídense e deséxanse sorte. Menganiño abandona o hotel en minutos, Fulaniño mañá.


Esa noite corre polo complexo o rumor de que atoparon estrangulado a un camareiro nun dos cuartos de baño.


Te puede interesar