Opinión

Violencia

Non é novo o embruxo que esperta a destrución. Aló onde miramos advertimos a un home que empuña un pau. Racha un cristal. Queima un caixeiro. Pincha unha roda. Ofrece unhas hostias. Coloca unha bomba. Arranca unha papeleira. Dispara un revólver. Fai unha pintada. Raia un automóbil. Tomba unha porta. Chimpa a un policía. Aporrea a un manifestante. A enumeración abúrreme. Digamos que a violencia é o tema. O gran tema de todos os tempos, porque a historia é a historia da dominación. A barbarie é un feito humano común, diario, visible en directo, en diferido, preto, lonxe. A violencia xa é unha rutina que pasa por diante de nós fantasmalmente. Afrontámola coa mesma naturalidade que consultamos a hora. Pst. Como se non ocorrera. Atenas, Madrid, Barcelona, Seattle, Bruxelas, París, Ourense, Vilardevós. Con amor ou con odio, pero sempre con violencia, escribiu Pavese.


Non hai que ser un asasino, ou alguén patoloxicamante inclinado á violencia para cometer un acto impetuoso, iracundo, irracional. A violencia é cometida, como calquera trámite administrativo, baixo unha inercia invisible, por persoas ás que consideramos perfectamente normais. Hai profesionais, si. Perpetradores. Pero hai o que Hannah Arendt chama os ‘malvados banais’. Eses que se apuntan ao bombardeo, que pasan xusto por aí e subscríbense porque senten unha especial emoción cando quebra un escaparate. Onde moitos detectamos falta de sentido, a negación do suxeito, outros atopan a súa afirmación a base precisamente de expresarse a paus.


A condición humana, dicía George Eliot, non tolera a realidade. Talvez por iso intervén contra ela con violencia. A vida é esta porcallada, dicía un tango, e baixo esa partitura o individuo entra en contacto co mobiliario, ou co semellante, a través dunha pedra, ou un bate de béisbol, ou unha arma de repetición, ou un puño fechado. Si, a educación constitúe unha terapia salvadora, infalible. Pero existe un reduto estatístico, en tódolos círculos, que non se somete xamais á educación. Pasa. A educación tíralle dun pé. Pff. Non vimos do mono; imos cara o mono, ditaminou Gobineau. Non digo que non.



Te puede interesar