Opinión

Violencia

A violencia xa non é a que era. Poucas cousas actuais, de feito, son o que foron noutro momento. É algo obvio. Mudaron en tal grado que se transformaron en obxectos novos. Pero a violencia. Uf. Mire para ela. Talvez detecte que evolucionou cara prototipos de agresións que non deixan marcas. Loxicamente iso que chamamos hostia, e que define con maxisterio unha das acepcións da violencia, non desaparecerá xamais. A hostia é infinita. Sempre haberá hostias de todo tipo. Pero só serán un golpe, un nariz roto, unha palabra agochada nos dicionarios.


Violencia é un concepto que se ensancha a diario. Primeiro deixou de ser un asalto físico, e pasou a ser tamén unha provocación, un modo de lexislar, un control da intimidade, un abuso, unha inxustiza, un etcétera. Por fin, despois de mudar continuamente, xa é violencia agardar nunha cola, atopar ao teu veciño, ao que ves todos os días no ascensor, durante as túas vacacións en Tokio, soportar a eses nenos e a eses pais seus berrando na praia, a carón da túa toalla. No mundo da inmediatez, do illamento que proporciona o ipod, das experiencias de luxo, deseñadas a medida de cada usuario, volvéronse agresións, pura, radical violencia, tamén as interrupcións, os ruídos, as coincidencias de mal gusto.


Se non podemos exercer o pracer do consumo sen que nada nos perturbe, é violencia. Se cae a conexión a internet, é violencia. É violencia, naturalmente, se ficamos sen cobertura. O día que o supermercado non abre, e nós precisamos leite de soja, malo. Iso é violencia. Se a cervexa non está suficientemente fría, é violencia. Se o artista defrauda no directo, é violencia, porque a entrada custou setenta euros. Se a película aburre, é violencia, aínda que sexa romántica. É violencia que nos toque asento de corredor? É. Como que o seguro cubra todo excepto o que nos acaba de ocorrer, ou que se modifiquen os tramos do irpf. Baixo a sofisticación do entretemento na que vivimos, experimentamos dor, malestar, frustración, un pesar irremontable que noutros tempos só podía ser provocado polos antidisturbios, as pestes continentais ou as guerras. Se non lle gusta, marche.



Te puede interesar