Opinión

Voces

Escoito voces. Voces dentro de min que ninguén máis consigue oír. Normal penso que non é. Pero eu estou ben, dentro dos meus cabais, cordo. Creo. Hoxe todo o mundo oe multitude de ruídos que antes non soaban. A vida é moi ruidosa. Esas voces, que unhas veces son masculinas e outras femininas, falan un pouco de todo, ou case. Nunca as escoitei falar de fútbol. Fóra diso, tratan de política, de tecnoloxía, das enerxías renovables, da Conferencia Episcopal, do conflito da auga, da morte da novela tradicional. Etcétera. Son voces que non sempre se dirixen a min. Moitas veces falan entre elas, como se eu non estivera diante, como se me quixeran facer de menos, ou simplemente como se, diante de tal ou cal tema, pensaran que eu non teño nada interesante que dicir.


Hai tres días, unha voz de muller preguntou que había para comer. Non haberá pescado? Apetecíalle calquera cousa menos pescado. Antes prefería espinacas. Unha voz de home anunciou que había carne, grelos e patacas cocidas. Iso oíno hai tres días. Onte, mentres ollaba pola fiestra como chovía, unha voz díxome: tírate. Tirarme de onde, preguntei. Tírate pola fiestra. Matarme? Nin falar. Só me faltaba. E non me tirei. Loxicamente quedei pensando, durante un bo anaco, por que aquela voz quería que saltara ao baleiro. Tal vez me estivera volvendo tolo, e contra o que fai un momento pensaba, non estivera nos meus cabais. Tal vez os cabais son un espazo flutuante, e hoxe estás dentro e mañá sitúaste fóra.


Cando rexeitei saltar pola fiestra as voces ficaron en silencio moito tempo. Cheguei a pensar que non volverían, que se rendían e que me deixaban tranquilo para sempre. Se cadra, e despois de moitos intentos frustrados, comprenderan que eu era máis forte ca elas. Moitos outros, incapaces de facer fronte á persuasión das voces internas, saltaran. Eu non. Eu quedei no 5-E, portal dous, número 24, rúa do Seixo. Eu de aquí, dixen, non me movo. Non salto. E as voces que escoitaba a diario, unha vez, e outra, e outra máis, resignáronse. Iso pensei. Pero equivocábame. Hoxe volvín oír voces. Voces dentro de min que me preguntaban cando ía aceptar que estaba morto.



Te puede interesar