Opinión

A xente

Todos dicimos e stupideces. Eu, se me permite a soberbia, máis ca vostede. Hai dúas nas que reincido a miúdo. Reincidía. A primeira era soster que o cliente sempre ten a razón. A segunda manter que a xente non é parva. Trátase de dúas sandeces. Disparates. Barbaridades. Non sei cómo será noutros países, pero aquí, só alguén obcecado, inxenuo e moi obcecado, é capaz de defender estes enunciados. Pasaron á historia. Vostede está, faltaría máis, no dereito a obcecarse. Cada un é cada un. E as súas cadaunadas. Eu, persoalmente, vin a luz. Sigo dicindo estupideces, por suposto, pero doutro tipo. Máis grandes, máis fortes, máis altas, pero outras.


Na medida que formo parte da xente, gustaríame afirmar que son relativamente parvo. Non quero pecar de falsa modestia, de modo que serei taxativo: parvo a secas, sen relativismos. Tal vez vostede desexe reconsiderar a súa posición, e admitir que, se cadra, tamén é un pouco parvo. Menos ca min, pero parvo.


O contexto no que dicimos que a xente non é parva, coñecémolo. A frase aflora cando alguén afirma ou decide algo en aparencia impopular. Porei dous casos prácticos. O Goberno nega que exista unha crise económica, e fala de desaceleración acelerada. A oposición, en desacordo, proclama que o Goberno non está na realidade e que a xente non é parva. No outro exemplo, quen aparece é Aznar, subliñando que se cambalean os principios do PP. En desacordo, un partidario de Rajoy exclama que todos ven que non se cambalean tanto os principios como o poder dentro do partido. Por qué todos ven? Porque a xente non é parva.


Agora xa estamos situados. É o momento de preguntar se diante deste malestar, e doutros malestares, a xente é ou non é parva. A xente, o contexto grupal, a multitude, o amontoamento, constituímos un conxunto durmido, extremista, irracional. Agora máis que antes, quero dicir. A menos que os parvos non sexamos xente, nunca fomos tan vítimas da propaganda. A publicidade. A mentira. O eufemismo. A desidia. A indiferenza. O infantilismo. O mercado. O etcétera. E pasa algo? Nunca pasa nada. Porque somos parvos.



Te puede interesar