Opinión

A difícil loita pola igualdade

Case medio século despois de que o 8M fose declarado pola ONU como data para alertar sobre os dereitos da muller e chamar á loita pola igualdade, podemos dicir que se teñen rexistrado avances, por máis que andamos lonxe do verdadeiro obxectivo, pois á costosa e tantas veces dramática realidade, nos últimos anos sumouse en forma de atranco o poder das redes sociais no que atinxe á exhibición de contidos pornográficos e outros de claro sesgo misóxino, imposibles de atallar. O problema complícase cando mozos e adolescentes poden acceder prácticamente sen obstáculos ó consumo dunha oferta que presenta á muller como mero obxecto e divertimento do home, como ben explica a profesora María Lameiras, catedrática na materia, antonte nestas mesmas páxinas.

Así que, en contra do que se poida pensar, fará falla moito tempo e esforzos para doblegar a forte inercia que lastra o avance e mesmo ameaza co retroceso e perda de fitos que parecían consolidados. Sobre todo porque son incontables os estudos que inciden en que o machismo e a desigualdade teñen un dos seus mellores caldos de cultivo na falla de formación, cultura e na dificultade económica. Ten toda a lóxica, pero a realidade resulta máis complexa cando vemos países e sociedades ben desenvolvidos que teñen similares dificultades ás nosas.

Falemos, por exemplo, dos nórdicos, considerados referentes sociais (Suecia contaba a finais dos anos setenta do pasado século cun “Ministerio para a Calidade de Vida do Ano 2000”, que da idea do adianto que se manexaban) aparecen encabezando a lista de casos de violencia machista en Europa: Dinamarca, 52%; Finlandia, 47%; Suecia, 46%. Francia e Reino Unido, tampouco teñen datos para presumir, cun 44% cada un dos países. As porcentaxes indican mulleres que teñen sufrido violencia física e/ou sexual dende os 15 anos de idade. A estatística da en España un 22%, menos da metade en termos porcentuais. En descargo dos estados que nos duplican, os expertos matizan que neses territorios hai maior concienciación e medidas de apoio e as mulleres denuncian moito máis, polo que se o nivel fose similar en España e outros países con teórica menor incidencia, as porcentaxes serían similares. Aínda así, en Suecia, que apenas rebasa a quinta parte da poboación de España, morreron o ano pasado 80 mulleres (56 en España).

Para pensar e concienciarse de que a igualdade debe ser unha forma de vida e que, como rezaba o vello refraneiro, fai máis frei exemplo que frei consello.

Te puede interesar