Opinión

Industria si, pero non eiquí


Revolotea estes días a polémica arredor do proxecto liderado pola multinacional portuguesa Altri para instalar unha fábrica de fibra téxtil e celulosa en Palas de Rei, na comarca luguesa da Ulloa. A iniciativa industrial é de gran magnitude, tanto polo montante do investimento previsto, como polo que significaría para a economía local en termos de creación de emprego directo e indirecto. Tamén pola afectación ou danos que se poidan producir na zona ocupada e a sua área de influencia, así como nas condicións da auga verquida despois da ser utilizada no proceso fabril.

Precisamente esta última cuestión é a que vén tensando o ambiente, estimulada por colectivos veciñais, ecoloxistas, forzas políticas, ONGs e outros varios opóndose á iniciativa de Altri, á que acusan de ocultar información sobre as verdadeiras intencións do proxecto e vaticinando consecuencias catastróficas para o territorio afectado e o entorno, chegando os efectos negativos ata a ría de Arousa a través da contaminación que sufriría o río Ulla.

Haberá que agardar a que sosegue un pouco o balbordo para ver se é posible escoitar voces autorizadas -a favor ou en contra-, con argumentacións solventes, documentadas e claras, que trascendan o puramente emocional ou o desvarío dalgúns pronunciamentos asamblearios. Hai que ir máis alá de consignas e pareados e decidir como se pretende garantir o futuro da Galicia interior, se aínda é posible. A simple apelación a aposta por unha economía sostible que non vaia apoiada en iniciativas concretas con acompañamento económico -factibles- é teorizar sobre a nada, porque os milagros non existen.

Resulta curioso que sendo maioritario o soño da aparición de empresas que xeren riqueza, cando aparece algunha, sexa contestada co de “industria sí, pero non así” ou “industria sí, pero non eiquí”. (Nos primeiros anos noventa viviuse unha situación reveladora coa ocupación de terreos para a presa de Lindoso. Os afectados opúñanse a deixar as terras nas que estaba chantada a sua historia vital; protestaron e reclamaron xustamente ata onde lles foi posible para incrementar as cantidades a pagar por EDP -promotora da infraestrutura- polo expropiado. Cando chegou a primeira auga para encher o embalse parecía que se levaba por diante os laios veciñais, cando en realidade estes quedaran enxugados pola xenerosa indemnización que lles cambiou a vida. Daquela, as verdadeiras bágoas saían dos ollos dos propietarios do entorno ós que non lles afectou o embalse).

Te puede interesar