Opinión

O ingobernable acoso


Acaba de trascender que a Garda Civil investiga a sete alumnos adolescentes dun instituto de Nigrán por acoso a un compañeiro ao que, segundo a denuncia, sometían a burlas e vexacións, chegando incluso a pegarlle -aínda que sen causarlle danos físicos-, ademáis de extorsionalo para sacarlle diñeiro. Quente está tamén a noticia de que dous mozos están sendo investigados pola Garda Civil en Verín por ciberacoso sobre outro estudante do mesmo instituto.

É so unha mostra que ilustra como de cerca temos comportamentos deleznables protagonizados por xente moi nova -un dos de Verín tamén é menor-, cando se supuña que eran as novas xeracións as que ían erradicar unha lacra que saca á luz a parte máis escura do ser humano, moi alonxada do obxectivo pretendido.

Os números coñecidos, a pesar de que as estatísticas son complexas e de difícil comparación por utilizar rangos distintos, evidencian a dura realidade. Tanto, que os casos de acoso aumentan de ano en ano, con guarismos escalofriantes. Por exemplo, un solvente traballo apadriñado pola Complutense conclúe que case dous estudantes por clase (en España) entre cuarto de primaria e cuarto de secundaria, recoñeceron que sufren violencia en forma de acoso (bullying, lle chaman).

Outra referencia recollida é que un de cada cinco dos 220.000 alumnos acosados -unhos 44.000 nenos e adolescentes (repartidos a partes iguais por xénero en primaria, mentras que en secundaria as rapazas superan lixeiramente en número ós compañeiros)- intentaron quitarse a vida nalgunha ocasión. Entre os acosadores, un de cada seis revela que trataou de suicidarse, en tanto que no ciberacoso as porcentaxe de tentativas de suicidio suben ata o 21,1 por cento as vítimas e o 24,9 os acosadores. Na mostra aínda aparece que o 2,1% dos alumnos admiten ser acosadores (algo máis de 74.000 nas aulas dos cursos utilizados para estudo). Cando as accións destes últimos se producen, un de cada seis compañeiros identifícase como testigos de tales feitos.

É certo que existen protocolos de actuación fronte a cada caso de acoso coñecido -transcorridas semanas ou meses dende que se iniciaran as actitudes delictivas-, así como que hai expertos de distintos sectores traballando para rebaixar as estatísticas, pero non o é menos que estamos lonxe de conseguilo. Cada vítima é unha dolorosa demostración de fracaso do sistema, que semella que canto máis sofisticada se fai a sociedade, menos capacidade ten para defender ós vulnerables, e ese é mal síntoma.

Te puede interesar