Opinión

A necesidade da esperanza

Cando estas letras vexan a luz, a 2023 quedaralle un suspiro para ser pasado. Hai que agardar que 2024 marque un punto de inflexión na coxuntura xeral, pois estamos sacudidos polos efectos das decisións dos gobernantes a todas as escalas. Arredor de nos pouco hai que explicar polo coñecido dunha situación resultado de erros sucesivos de quenes se sentan nos escanos do Concello, aínda que non exclusivamente, posto que bastante teñen que ver os estados maiores dos partidos con maior representatividade.

Unha potencial vontade de endereitar o rumbo esixiría mudar de estratexia e pór os intereses xerais por enriba dos particulares ou partidistas. A estendida militancia no escepticismo non obsta para aceptar que sempre queda marxe para a mudanza de pareceres en beneficio do ben común. Falando de culpas, ademáis dos grandes actores do esmorecemento como comunidade, en tanto que cidadans non podemos seguir mirando a outro lado xerando un grao de complicidade colectiva do que debemos abdicar. Ó mellor eso axuda a explicar que non se escoite o que pensan ao respecto colectivos empresariais, sindicais, comerciais, sociais, profesionais ou veciñais. Non é un problema exclusivo desta terra, pero a situación de languidecemento significa que cando noutros lados tusen, eiquí sufrimos pulmonía, pois o desgoberno xera efectos distintos.

Hai que soster a esperanza, aínda que fallan argumentos para mantela viva, dentro e fóra, dada a vontade manifesta dos gobernantes de militar na desavinza, como se o entendemento fose unha sorte de debilidade, que combaten dedicando os maiores e mellores esforzos á construción dun relato que se adecúe e vista as posicións defendidas en cada caso, aínda mentindo ou sendo contrario ás necesidades colectivas. (Quen ata hai nada era considerado covarde prófugo da xustiza, muda en cidadán honorable nun abrir e pechar de ollos, mercé ó relato ad hoc espallado por terra, mar e aire).

De fóra, mellor nin falar. A loita contra o cambio climático é unha engañifa e Israel prosigue -e probablemente seguirá- matando cidadans de xeito indiscriminado en Gaza, baixo a miserable estratexia -outra vez o relato- de identificar as brutais accións terroristas de Hamás co pobo palestino, mentras o mundo con poder mira cara outro lado, con apenas condenas teóricas do xenocidio sen consecuencias prácticas para Netanyahu. Con un prezo engadido: o práctico esquecemento da guerra en Ucraína e dos esforzos deste país por botar fóra ós invasores. Así de flaca é a memoria.

Te puede interesar