Opinión

O regalo dos timos

Hai cousas nas nosas vidas, na nosa sociedade, que non avanzan nada a pesar de que o mundo xira a velocidade de vertixe obrigando á atención permanente para non perder o tren ou non sairse do carril. A présa é real e acósanos por todas as frontes, pero a pouco que nos paremos a pensar, son moitos os ámbitos existenciais que, en realidade, se parecen como unha gota de auga a outra a hábitos, costumes, virtudes e defectos doutrora. O único que van cambiando son as formas, adaptadas ás esixencias da modernidade.

Unha veciña de Ourense acaba de ser vítima dunha estafa por whast app porque un famoso actor norteamericano, mundialmente recoñecido e aclamado como intérprete -e como galán cinematográfico inmune ós efectos comuns do paso do tempo-, lle anunciou por esta popular aplicación de mensaxería instantánea, un agasallo de 50.000 euros. O miolo e o desenlace de tan fantástica historia seguramente xa os coñecen: os cartos ían vir nun paquete postal que sufriu un atranco aduaneiro e a potencial beneficiaria tivo que aboar algo máis de mil euros para desbloquear o xeneroso envío. O faixo de billetes nunca chegou e á destinataria estafáronlle a cantidade aportada para o falso trámite aduaneiro.

E a último episodio coñecido dunha actividade na que os estafadores xogan con sentimentos tan humanos como a avaricia ou necesidade de tipoloxía variada, que fan ver no horizonte como reais soños e fantasías -o amor prestado de Brad Pitt-, como no cine os exhaustos e sedentos camiñantes do deserto cren ver en lontonanza a ansiada auga onde non hai máis ca po baixo o sol abrasador. Por eso hai persoas que non dubidan en pór ou entregar todo o que teñen -ás veces incluso máis, como se descubriu hai pouco na truculenta historia desenvolvida no pobo madrileño de Morata de Tajuña-.

Agora os profesionais da cousa incorporan unha variante de enxeñería social acorde cos tempos, aproveitando a informática e as redes que ademáis amplían o abano de posibles vítimas, antano ubicadas maioritariamente entre xente sen formación. Con técnicas de manipulación psicolóxica os ciberdelincuentes despluman ós interlocutores sen necesidade de que unhos ou outros rebasen a intimidade da sua casa ou do teléfono móbil. E así, cada día cae xente eiquí e acolá, igual que antes o facían apostando no trile ou sucumbindo ás xenerosas ofertas que tapaban o método da estampita, o tocomocho ou o nazareno, entre un longo abano de especialidades para que os amigos do alleo traten de deixar sen un can a quen se brinde a elo.

Te puede interesar