Opinión

Pronunciamento cidadán

Chegou o día, remataron os quince días de campaña e a precampaña, que carece de tempo tasado e dura o que os políticos queiran. Neste caso, bastante, pois na práctica empezou ó día seguinte de que Núñez Feijóo anunciara a sua decisión de asumir o liderado do Partido Popular a nivel estatal e, polo tanto, renunciara á presidencia da Xunta, despois de trece anos á fronte da mesma. A oposición entendeu que era a oportunidade máis clara para que se desen as condicións de propiciar un relevo na gobernabilidade autonómica dende 2009 e  aplicouse á elo.

Facíase realidade unha das críticas recurrentes nos trece anos anteriores por parte dos líderes opositores no Pazo do Hórreo cando reprochaban a Feijóo que en vez de gobernar Galicia -ou á vez que o facía- estaba era preparando o salto á política nacional. (Algúns deses dirixentes quedaron polo camiño ou, como no caso de Yolanda Díaz, unha das máis insistentes na apelación a esa muletiña dialéctica dende a tribuna do Parlamento durante catro anos, abandonou a Cámara galega e a política autonómica en 2016 -seis anos antes que o propio Feijóo- por un escano no Congreso en Madrid e todo o que veu despois, de todos coñecido).

Esta noite, pois, saberase que proporción de realidade encarnaba esa oportunidade de cambio, pero para elo haberá que agardar ó escrutinio dos votos coa decisión maioritaria dos electores. Ata entón o escenario permanecerá aberto, porque a única ferramenta orientativa dispoñible apórtana o feixe de enquisas elaboradas nas últimas semanas; paupérrima axuda, por outra parte, dada a disparidade de vaticinios, como para que aporten confianza. Un bon resultado pode resultar amargo se non vai acompañado do goberno e un floxo resultado pode ser disimulado, ou mesmo doce, se vai acompañado do acceso ó poder. Todo depende das expectativas.

Os partidos están convencidos de que a maior participación lles beneficia e por iso instan ós votantes que acudan a exercer o seu dereito. Veremos se o logran, porque hai veces que os índices quedan alonxados dos desexos. Como paradigma de ambiente electoral frío, e sin establecer comparacións por ser ámbitos distintos, a campaña para a aprobación do Estatuto de Autonomía, en decembro de 1980, na que ante o temor dunha baixa participación, un dos slogans estimuladores rezaba: “Aínda que chova, vota”. Na marquesina dos autobuses da Alameda de Ourense, debaixo dese cartaz alguén, de xeito ben visible, engadiu: “Aínda que votes, vai seguir chovendo”.

Te puede interesar