Opinión

Señor ministro, faga o favor

Que moitos políticos son capaces de alterar a verdade en favor da sua causa, é incontestable, sen importarlle que poida quedar desmontada en pouco tempo deixando cada caso nun vulgar embuste. O último exemplo destacable ten como protagonista ó ministro de Transportes, que no pouco tempo que leva no cargo xa se está facendo cunha mochila de comportamentos escasamente edificantes.

Óscar Puente, titular do devandito departamento, presentouse en Galicia en plena campaña electoral a bordo dun tren avril, que mellorará os tempos de duración das viaxes máis alá de Ourense cara a Santiago e a Galicia atlántica. Recibido en Vigo polo conspicuo Abel Caballero e o séquito propio deste tipo de actos, reises magos incluidos; alí, alto e claro, prometeu con solemnidade que non farían falla reises de Oriente para traer os agardados convois, pois xa chegaban polos seus propios medios, como estaba á vista despois de baixarse dun deles, e que oficialmente circularían dende o 1 de abril, coa apertura da venda de billetes dende o primeiro de marzo que acabamos de superar.

Pois non. Nin se venden billetes nin chegarán os novos trens de alta velocidade -foron prometidos para o verán de 2022- para abril, pois admite Renfe que o asunto anda verde. E que? Entrarán en servizo en maio, xuño, xullo… ou cando sexa, momento no que o ministro celebrará o acontecemento sen reparar en que mentiu a sabendas de que o facía na imposible tarefa de evitarlle a Besteiro e ó PSdeG a catástrofe dun xa foi.

Non deberíamos escandalizarnos, sabedores de que no AVE chove sobre mollado. Abel Caballero, devanceiro político de Puente no Ministerio, afirmou solemnemente en Vigo en 1988 -xa choveu¡- que en 1993 habería alta velocidade ferroviaria entre Madrid e Galicia, en tanto Álvarez Cascos -con Aznar- situou en 2005 a data inaugural da línea. Pérez Touriño, presidente socialista da Xunta, dixo con convicción a un servidor no transcurso dunha entrevista datada en 2009, que en 2012 estaríamos na primeira división ferroviaria. Ana Pastor, ministra de Fomento con Rajoy, con idéntica firmeza que os anteriores, que sería no 2018. Por fin, o feliz acontecemento chegou en 2021 de xeito parcial. Circularán os avril, pero seguiremos agardando, sen data, polo tramo de Taboadela a Seixalbo e sen saber da variante exterior, aínda que Puente non volverá a mentir… se non o pilla outra campaña electoral polo medio. Como clamaba o xenial Jei Noguerol hai medio século: señor ministro, faga o favor…

Te puede interesar