Opinión

Terrazas sen fume

O anuncio da nova ministra de Sanidade de darlle unha volta á loita contra o tabaco a base de aumentar os espazos sen fume produciu -como é habitual con case cada medida do Goberno- a reacción inmediata da presidenta da comunidade de Madrid amosando a sua oposición frontal a tal medida. Xustifica a posición na defensa da liberdade dos madrileños, e de quenes pasen por ese territorio, para fumar nas terrazas dos establecementos públicos. (Obvia o dereito de case oito de cada dez persoas a non soportar as molestias do fume, pero ese é outro asunto).

A reacción é digna de mellor causa, aínda que hai que recoñecer que é un bon argumento para manter entretido ó persoal, levantando a vista dos focos de interese na política rexional madrileña. A cuestión é que detrás do fume -nunca mellor dito- hai un problema tan serio como o da saúde pública, coa que non se pode xogar, ou non se debería, atendendo ás estatísticas da OMS que reflicten que case un 19 por cento da cidadanía española morre por causas atribuibles ós efectos do tabaco -case unha de cada cinco persoas-.

Está por ver que recorrido ten o asunto, pois tampouco sabemos ata onde chegarán os propósitos da ministra neste campo, nin o percorrido que tería unha eventual polémica montada a partir do potencial rexeitamento a eles. O esbozo lembra, eso sí, a diatriba xurdida hai algo máis de dous lustros co segundo gran embate contra o tabaco, que prohibía fumar no interior dos establecementos hosteleiros, encabezada daquela por Esperanza Aguirre, á sazón tamén presidenta de Madrid. Sostiña que a medida ía provocar unha catástrofe de proporcións bíblicas e, en consecuencia, anunciou a sua rotunda oposición e incluso a vontade de que en Madrid non se cumplira a nova lei. Non estaba soa, pois entre os representantes do sector hosteleiro formouse un potente coro de acompañamento na rebelión de salón.

Xa daquela era histórica a prohibición de fumar nos cines, sen que constaran suicidios ou xente a tratamento por tal veto durante un par de horas, que normalmente superaba -e supera- o tempo de socialización nas terrazas. En todo caso, tampouco consta agora que despois de trece anos sen poder fumar en bares, restaurantes e asimilados, se desatara cataclismo económico ou social algún. E visto o visto, apostaría que os fumadores resistirían sen problemas maiores nas terrazas sen fume.

Te puede interesar