Opinión

O timo do aparcadoiro

Cando se puxeron en marcha as obras do aparcadoiro baixo a explanada da estación de A Ponte pensabamos que contribuiría a solventar un problema endémico no barrio máis populoso da cidade de Ourense, onde moran arredor de trinta mil almas, cun importante movemento comercial e social, incrementado polo ir e vir de xente que xera o tráfico ferroviario, cifrado noutros seis mil viaxeiros por día máis os acompañantes que acoden a despedilos ou recollelos.

Pois non. Carezo de datos de aforo do antiguo estacionamento da explanada da propia estación e nos aledaños do centro de saúde, pero dende logo as 300 prazas habilitadas baixo terra non resolveron a presión existente, senon que se incrementou como o fixo o número de viaxeiros do AVE, complicando incluso as dificultades xa existentes para aparcar na zona.

A esa realidade sumouse a estratexia da concesionaria cedendo en exclusiva a práctica totalidade da primeira planta ás empresas de aluguer de vehículos (ben podía ter feito ó revés: xa que birlan o 40 por cento do aforo, facilitarlle esa planta ós usuarios de curta estancia), de xeito que as 144 prazas oficialmente previstas para estacionamento pasaron case á nada, deixando para uso público a segunda, con 156 ocos. Resulta fácil deducir o problema que eso xera, xa que unha vez saturado o aparcadoiro, varias ducias de coches invaden os espazos da explanada habilitados para outros usos, así como as beirarrúas dos arredores dificultando o tráfico rodado e de persoas.

A maiores están os prezos. Segundo a tabla oficial da concesionaria, un día de estacionamento custa 36,97 euros; unha semana 65,65, en tanto que un mes está en 129,22 euros. Tarifas low cost non son, dende logo, menos comparándoas coas do aparcadoiro do Santa María Nai -que xestiona a mesma empresa-, onde durante un cuarto de século os usuarios tivemos a sensación de ser timados cada vez que metíamos alí o coche, e no que agora se pagan 8,50 euros por día, 32,85 por unha semana ou 73,30 euros por 30 días. É inevitable que da comparación, aquela vella percepción se traslade agora ó enclave pontino por prezos e polo escamoteo de prazas de uso público.

Xa postos, aínda podemos abrir a perspectiva para lembrar que resulta incrible que a estas alturas A Ponte -ademáis do xa citado-, O Couto, San Francisco, a zona que vai de Celso Emilio Ferreiro cara a Universidade e A Rabaza, así como a área de O Posío e Mariñamansa, carezan de aparcamentos públicos. Nin se agardan.

Te puede interesar