Opinión

Trinta anos dun pesadelo

A finais do mes de abril cumpliranse trinta anos da espectacular fuga de Luis Roldán, que ata tres meses antes -nos finais de 1993- ocupara durante anos a dirección da Garda Civil. A destitución truncaba a rutilante carreira política deste aragonés que protagonizou o máis importante escándalo por corrupción económica na etapa de Felipe González como presidente do Goberno. Sobresoldos procedentes dos fondos reservados do Estado e mordidas nos contratos das construtoras que asumían as obras de rehabilitación e construción de casas cuartel do instituto armado, incrementaron de xmaneira aparatosa o patrimonio do político maño, marcando o fin da sua traxectoria política e abriron un pesadelo para o Goberno.

Curiosamente, pouco antes de ser destituído, Roldán figuraba destacado en todas as quinielas para asumir a titularidade da carteira de Interior que, finalmente, recaeu no valenciano Antonio Asunción -que fora alcalde de Manises e da Deputación de Valencia, ademáis de director de Institucións Penitenciarias- e que por paradoxas do destino deixou tres meses despois debido precisamente á fuxida de Roldán.

O caso ocupou portadas durante os dez meses que durou a aventura por Francia e o sudeste asiático ata a sua entrega pactada dez meses despois. E en toda esta peripecia, Ourense tivo un protagonismo tanxencial, dado que a segunda muller de Roldán -coa que tivo dous fillos- era ourensá, polo que o daquela director xeral da Garda Civil viaxaba periódicamente ata eiquí por razóns familiares. Polas ruas de Ourense andou durante a Semana Santa, que naquel ano coincidíu cos primeiros días de abril, vintecinco antes da sua desaparición voluntaria.

A ausencia provocou que o foco informativo se pousara día e noite sobre a sua parella, cunha troupe de profesionais e alarde de medios técnicos, compartindo seguimiento cun importante dispositivo de forzas de seguridade. En xuño de 1994, foi detida e encarcerada en Brieva, de onde saiu na véspera do Santiago encabezando outra nutrida comitiva na que facían ronsel gardas civís e xornalistas con destino (descoñecido nese momento para os perseguidores) á casa da finca familiar de Mombuey.

Recuperada a intimidade, a acosada dona viu dende o sofá como todas as cadeas de televisión concedían o protagonismo de apertura dos seus informativos na tardiña do 23 de xullo á sua saída do cárcere. Sen perder detalle e sen mover un músculo, non poido evitar a repetición dunha exclamación pouco amable para os informadores.

Te puede interesar