Opinión

A voltas coa educación

Acaba de anunciar o presidente do Goberno un plan de reforzo educativo para que os alumnos de primaria, bacharelato e formación profesional básica incrementen o seu nivel de coñecemento en matemáticas e comprensión lectora. É a resposta ó último informe Pisa, que reflicte un retroceso dos estudantes españoles en ambas áreas. A avaliación está ó nivel dalgunhos outros países do entorno, así como na media dos países da UE ou da OCDE, pero lonxe dos máis destacados.

O obxectivo, segundo deu a coñecer o propio Goberno, centrarase en tres eixos considerados troncais para darlle a volta á deriva actual: reducción do número de alumnos por aula para que as clases poidan estar máis focalizadas; dotación de profesores de reforzo para os estudantes que amosen maiores dificultades nestas duas materias (neste caso, os alumnos poderían recibir apoios concretos fóra do horario lectivo). E, por último, un plan de formación para o profesorado para mellorar a ensinanza en matemáticas.

O propósito soa ben, a expensas de que se cumpla, pois non é a primeira nin a vixésima vez que se anuncian cousas deste calibre ou maior, que logo non pasan do estadio das boas intencións, si é que realmente as houbo algunha vez. Dicía que soa ben, pero da a impresión de que chega tarde -admitamos que máis vale así, que nunca-, pois hai moito tempo que cualificados especialistas están chamando á atención sobre este particular.

Valga, pois, si a proposta se contempla como un plan de choque, avanzadilla dun novo sistema educativo -de verdade- polo que se clama con frecuencia como quen predica no deserto. É máis, os distintos gobernos recoñecen esa necesidade, pero na realidade quédanse en axustala ó que dín os expertos do partido, rexeitando calquera aportación máis alá dese círculo. A experiencia dí que eses plans nacen mortos e acaban nos tribunais, e no mellor dos casos non terán máis percorrido que o do propio Executivo que o deseñou. O que máis cerca andou de logralo foi Ángel Gabilondo, na etapa de Zapatero, pero non logrou pasar o rubicón do consenso e todo quedou nunha ilusión.

Poidera ser agora? Oxalá, pero precísanse doses inxentes de fe na capacidade da clase política para, por unha vez, pór os intereses xerais por enriba dos paraticulares ou de partido. Agora mesmo, andamos moi lonxe dese escenario e o que é peor, sin que a sociedade pida contas ós políticos, como si a solvencia académica, profesional e social das mulleres e homes de mañá fose un asunto irrelevante.

Te puede interesar