Opinión

Carlos Alfaro, o poeta do Ribeiro (In memoriam)

Coñecín persoalmente a Carlos Gómez Alfaro no Museo de Ribadavia. Era a primavera do ano 2000 cando a Asociación de Amigos do Museo botou a andar os Premios de Investigación Escolar e foi ó formar os dous parte do xurado ó longo das súas convocatorias, o que posibilitou o noso mutuo coñecemento.


Daquela e a pesar da súa recoñecida fama de escritor, aínda non me asomara a súa poesía, pero as distintas edicións dos devanditos premios foi propiciando un achegamento ó autor e a súa obra; deste xeito e segundo nos frecuentamos fun disfrutando da súa personalidade amable e cordial. Nos nosos encontros nos cafés da Vila, como gostan os ribeiráns referirse a Ribadavia, intercambiamos opinións e preferencias, e polas súas homenaxes sinceras a nosa paisaxe, atopei xustificado o título que xa era de seu: O Poeta do Ribeiro.


No ano 2002 publicou Alén do lume facéndome eco entón neste xornal da noticia, o que provocou a resposta agradecida do autor cun exemplar do poemario que me dedicou. Foi daquela cando a través dos seus sonetos souben da fonda dor que rebordan as súas estrofas pola ausencia do fillo que a vida desatenta salvaxemente arrebatou; coñecín nos seus poemas cantados con lírica elocuencia e cunha invencible nostalxia polos lugares da súa nenez, o amor pola terra que o viu nacer, e percorrín ó longo dos catorce versos dos sonetos, intensas manifestacións de amor adicadas a súa esposa Rosa Berta. Virían máis tarde O Clamor da Eclipse e Mar Aberto que foron sucesivamente premios de poesía Cidade de Ourense, libros nos que xunto a Matria de Néboa esculca nos seus sentimentos e onde asoma a voz propia de Alfaro que é o que en última instancia define a un poeta.


O pasado mércores ‘a morte namorada’ arrebatounos a Carlos Alfaro nunha das etapas máis vizosas da súa traxectoria creativa, e o Ribeiro que tanto cantou: ‘sagrado berce azul deses tres ríos/ que te arrolan con cantigas e brios...’ quedou orfo da súa métrica que o gabou en estrofas brincadeiras e melodiosas.


Por iso e a xeito de discreta homenaxe na hora triste do derradeiro adeus, traspasado o alén que tanta albiscou nas súas endechas e acubillado para sempre no eido querido, lembro para o escritor-profesor aquel epitafio latino que os nosos devanceiros gravaban na pedra dos seus sartegos: Sit Tibi Terra Levis: ‘Que a terra sexa leve para ti’. Poeta.

Te puede interesar