Opinión

Ah!... E se toca

No cuarto do hospital onde estaba ingresado, Severino de Tralocastro tiña de compañeiro a un home novo e aparentemente san. -Terá na cabeza algo que non se ve, pensou. -Non señor, na cabeza non teño nada. Son un xogador patolóxico, un ludópata e trouxéronme á forza, para que descanse. Eles, os médicos teñen prohibido falar da miña clínica, pero eu non, eu cóntollo a vostede que me merece toda a confianza e vostede, como os médicos, ten que calar, non dicir nada a ninguén. -Xogou algunha vez ás tragaperras? Xa se pode facer por internet, igual que se pode comprar lotería canta queiras.

-Non é igual, pero internet axuda á practica do xogo, para os que temos o vicio no corpo é unha boa ferramenta. Présteme o seu teléfono, Severino! Se ganamos, xa ganamos, a medias, e se perdemos, falamos e ao saír deste inferno eu doulle a miña parte. Parece que non te fías, compañeiro!

Euromillones, la Primitiva, Bonoloto, el Gordo, Lotería Nacional e la Quiniela son algunhas das modalidades máis coñecidas de “Loterías y Apuestas del Estado”. Unha grande oferta de produtos perigosos que anuncia e recomenda o ministerio do ramo, mentres o de Consumo cala, escapa, pecha a porta e apaga a radio. Entre tanto, milleiros de cidadáns caen na trampa e vanse ao xogo, para algúns non volver nunca máis.

Hai miles de plataformas de xogo, de casas de xogo, de establecementos para xogar, de lugares de negocio e de xogo oficial que invitan aos imbéciles a participar e que os arrastran directamente á ruína. Hai xente disposta a todo, a perder hoxe, mañá e sempre, e tamén hai quen sabe, como di a Tía Manuela, que “para gañar, non se pode xogar”. Severino de Tralocastro aprendeuno no hospital, ao lado daquel ludópata que lle saltaban as bágoas dos ollos ao ver que ninguén lle regalaba un cupón da ONCE.

Aquel home sabía, letra a letra, o enderezo electrónico de loterías e apostas oficias, sabía das millonarias cantidades dos `botes´ e gustáballe ir por un deles, “ah” ... e se me toca”. -Se toca convértome en dono do tempo, como di a propaganda oficial. Teño unha corazonada, soñaba. Vou aló, se é arriscado que sexa, de camiño cubro a quiniela e compro a lotería do domingo, por se toca e para non quedar de parvo. “Se tocara!, volvería a xunto de Severino e daríalle unha aperta grande, como se fose compañeiro e amigo”.

Te puede interesar