Opinión

As patacas galegas

Galicia é terra de patacas de comer, as boas saben moi ben e as outras tamén. Patacas viúvas, patacas cocidas, enteiras ou en cachelos como os cachelos da semente; asadas no forno ou nas brasas, patacas con leite, con carne de vaca, con costela de porco, con chourizos novos, con soá, con fígado encebolado, con cacheira da matanza ou con sardiñas de lata. Fritas e con ovos estrelados, con torresmos ou en puré, as patacas galegas están saborosas sempre e, dende sempre, arredaron a fame das casas dos pobres. 

As patacas deron títulos literarios, formaron e forman parte da dieta dos señoritos, dos mariñeiros, dos labregos e daqueles que sempre tiñan fame. Xunto co peixe das rías, as verduras e hortalizas, o pulpo e algo de carne de porco ou de vaca, son parte da dieta atlántica. 

Para axudar aos produtores de pataca, a administración galega creou, como ente autónomo, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, cunha estrutura de catro centros de investigación de referencia (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (CIF), Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA) e seis Centros de Formación e Experimentación Agraria (Sergude, Guísamo, Becerreá, “Pedro Murias” de Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourizán).

Para defender os produtos de calidade e para que o traballo dos homes e mulleres do campo sexa rendíbel cómpre seguir os paso que marcan os que saben, os que estudaron e estudan neste marco das ciencias do agro, cómpre desenvolver accións de investigación no sector agrario e avanzar na escolla da semente para adaptala ao chan de cultivo.

Galicia é, oficialmente e na práctica, terra de patacas. Todo o territorio constitúe a área de produción e de envasado. Todo o territorio noso é zona de consumo de patacas boas, das mellores. Non é necesario que veñan de Francia ou doutros lugares, por baratas que sexan. Non, non. Non é necesario, nin debería ser consentido o desprezo aos produtos de proximidade, comparándoos con outros que chegan aos estantes, despois dun longo recorrido polos frigoríficos das distribuidoras con animo de lucro. Como di a Tía Manuela, “as multinacionais van ao seu, moitas veces sen razón e sempre sen corazón”.

Te puede interesar