Opinión

Asfixia total!

Os investigadores anuncian que estamos nun dos períodos máis cálidos do planeta dende hai cento vinte mil anos. Os estudos realizados, a partir da análise do xeo a moitos metros de profundidade, achegan datos que informan de como poido ser o clima terrestre hai miles de anos. De como era, como cambiou e como segue o proceso de cambio, alertando á humanidade, ameazando aos costumes e obrigando á ciencia a seguir estudando e pescudando, para dar respostas certeiras, para saber algo máis do que se sabe.

A Terra ten un ritmo acelerado de quecemento debido a causas non naturais e, na opinión dos científicos, o ciclo climático natural podería levarnos, pouco a pouco, cara a un clima semellante ao daquela época na que o nivel do mar experimentou unha considerable subida. 

O clima ten unha incidencia determinante no desenvolvemento da sociedade, nas formas de vida, nos hábitos alimentarios, na economía e na produtividade da terra, do mar e do aire. Incide na produción industrial de calquera xénero, no transporte e nas mercadorías a transportar. Si, o clima axuda á vida das persoas, dos animais, das plantas e da vexetación toda. Quen puidera orientalo? 

A Axencia Estatal de Meteoroloxía creada, en 2008, para substituír ao Instituto Nacional de Meteoroloxía e encargada de prestar servizos meteorolóxicos, na actualidade reforza as súas actividades nos distintos eidos da investigación, na procura de estudos e ferramentas que axuden a tomar decisións. Entre estas ferramentas, quizais, unha das importantes sexa a información, que debe ser veraz e estar baseada en fontes limpas e transparentes, formadas e experimentadas, con vocación inequívoca de servizo público. 

A loita contra o cambio climático parece máis necesaria que nunca. A primeira conferencia Mundial sobre o Clima celebrouse en 1979 e, daquela, identificouse o cambio que se estaba producindo como un problema global que requiría solución urxente. Despois celebráronse varias conferencias internacionais, nas que líderes, altos funcionarios e científicos buscaban vías para adaptarse a un clima cambiante. 

Pero a calor, a pesar das Conferencias, Convencións e Acordos, segue o seu ritmo, ata o punto de que, segundo un artigo publicado por The Washington Post, nalgúns días deste mes de xullo, a temperatura media global superou os 17 graos. Asfixia total!

Te puede interesar