Opinión

O Camiño, facendo país

Ela foi camiñando soa. Camiñando, cantando, rezando e pensando, como unha gallarda peregrina garrida. Foi, desta vez, polo Camiño Mozárabe de Santiago, ramal a ramal e punto a punto, atravesando territorios de provincias distintas, chorando polos mortos de cada cemiterio, aliándose con solidariedade viva cos traballadores que non traballan e non figuran nas listaxes do paro, con aqueles que non cobran máis que un subsidio tan pequeno, que non lles chega para evitar o desgusto. Ela foi e volveu tal como era.

Agora, de volta na casa, goza das novas oportunidades que achega a historia. Está contenta de ver o documental “Exeria: a primeira peregrina”, aquela que foi dende Gallaecia a Terra Santa (século IV) e que, segundo o seu director L. Menéndez Villalba, foi viaxeira e peregrina “antes das grandes peregrinacións a Roma, Xerusalén ou Santiago de Compostela”.

O profesor, catedrático de Latín e numerario da Academia Xacobea, Eduardo López Pereira deulle soporte intelectual e científico a este vídeo e, para ledicia de todos, un libro da súa autoría está disposto nos andeis das librerías e das bibliotecas, “Exeria, viaxe a Terra Santa”. A última edición conta con ilustracións magníficas da almeriense Rosa Rodríguez López. 

No dicir dos investigadores e estudosos, en 1884, Gian F. Gamurrini atopou, na Toscana, “a copia dun manuscrito latino redactado contra finais do século IV por unha muller”. Era Exeria, da que “xa tiñamos noticias do ano 680 polo monxe Valerio do Bierzo”, di o profesor. Parabéns para as mulleres peregrinas, esas que, en calquera época, van coñecendo mundo, acompañando á luz e fortalecendo o camiñar dos pobos humildes.

Ela foi polo Camiño Mozárabe e xa está de volta na casa. Dende Almería, dende Xaén ou dende Málaga ata Santiago de Compostela hai moito que andar, moito que ver e moito que aprender. Estes camiños, distinguidos lectores e distinguidas lectoras, chegan a Galicia e a Santiago de Compostela seguindo a ruta marcada polas estrelas e polas frechas amarelas.

Todas as rutas, ao seu paso, converten a Galicia na terra, val, serra e mar do Camiño. O Camiño de Elías Valiña, da cultura, da arte, do encontro e da fraternidade entre os diferentes, entre pobos e civilizacións, o voso e o meu Camiño, que -como di a Tía Manuela- “vén polo mundo facendo país”.

Te puede interesar