Opinión

Carnaval ou entroido, entroidada

Dicíao aquel home que andaba arranxando, espelindo e renovando os resortes dos colchóns, polos lugares máis afastados de Galicia. Daqueles colchóns de la de ovella ou de carneiro, nos que poucos de vostedes, prezados lectores, se deitaron. Eran pesados como corpos mortos, eran suaves e amorosos, moito máis agarimosos que os vellos almadraques de follas ou de serdas dos ranchos mortos, daqueles porcos cebados que enchían de carne as despensas das casas ricas e pola que devecían os máis pobres do lugar.

O reparador de xergóns paraba naquela casa que o acollía, contaba contos para as vellas e metíalles medo aos nenos anunciándolles a chegada do apalpador. Comede, rapaciños, comede!, que vén o apalpador e debedes ter a barriga chea para que non vos leve con el. Naqueles invernos de tanto frío, neve fóra e carambelos colgando das bardas do teito, os sabañóns apoderábanse das mans da humanidade, que era libre unicamente polos carnavais.

Polo entroido, era cando se podía ridiculizar aos cargos eclesiásticos e ao poder local, se é que non coincidían. Nos días de carnaval está permitido que o pobo ría, que ande con escaramuzas e que consuma, que gaste o que ten e se fai falta que pida un crédito. Iso, o do crédito é o mellor, unha auténtica entroidada.

Os historiadores, sociólogos, antropólogos, menciñeiros, xornalistas, fotógrafos e moita outra xente de ben, falan do carnaval como unha das grades festas de Galicia, unha festa subversiva, na que, agora, nestes tempos dominados pola modernidade, participan os políticos e gobernantes, cada un deles coa súa entroidada, con máscara ou sen ela.

Segundo a antropóloga Nieves Amado, a máscara é como o vencello que te une co sobrenatural, na procura de afastar aos espíritos malos. Alguén pode pensar que nesa liña está a convocatoria electoral do vindeiro mes de febreiro, aínda que Manuel Mandianes mantén que “as orixes do carnaval son tan antigas como as orixes do rito e o culto aos mortos”.

Carnaval ou entroido, entroidada, di a Tía Manuela, mentres reflexiona sobre os textos doutros pensadores, novos e ilustres, como Xerardo Dasairas Valsa, Pedro Díaz de Nocedo, Luisa Vila, Federico Cocho de Juan ou Xesús Salgado Álvarez, de Fradelo, en Viana do bolo, onde se cura moi ben a androlla, co aire puro que sopra a montaña.

Te puede interesar