Opinión

Ela era maior e el, vello

Viviran en parella máis de sesenta anos. Daquela casaban de novos, cando aínda eran mozos, cando eran outros tempos e a vida -segundo contan- era doutra maneira, diferente á vida de hoxe, que vai de apurada en apurada, de présa e sen parada. Cando se achegaba aos noventa, sentaba ao carón do lume e dáballe mil voltas ao tambor de asar as castañas, coas castañas dentro. Ela, sentada na outra esquina do banco e tamén xunto do lume, fiaba co seu fuso a la rapada das ovellas da casa. Falaban entre eles, pero ningún dos dous escoitaba nada. 

A radio tamén falaba. Era A Pirenaica, como el lle chamaba, a única que coñecía e da que se fiara. Nisto chegan os veciños, que andaban dando de comer ás vacas e aos porcos da ceba; apágase a radio, sacan as castañas do tambor e todos darredor da cesta, comendo e falando ata que o sono tardío mandou parar. Era unha forma de vida que agardaba por outra. Daquela a intelixencia que se coñecía era unicamente a natural, esa que axuda a andar pola vida e a falar do que se ve e se aprecia.

Aqueles vellos morreron e a mocidade daquel magosto xa son vellos e maiores ou moi maiores. No lugar non queda ninguén e as casas, nas que vivía a xente, o gando, as pitas e os cans, están derrubadas e os seus nomes esquecidas. Quen se acordará de nós, cando pasen uns anos? Preguntaba aquel home que asaba as castañas, con tanto gusto, para a veciñanza numerosa. De agora en adiante, dicía ela, mentres seguía fiando, de nós quedará a lembranza, se alguén queda con memoria.

Aos dous días, foron xuntos á feira e pola fiestra da cantina viron outra parellas igual que eran eles. Miras eses que están aí tomando café, dá gusto velos, tan maiores e tan ben parecidos. Nós chegaremos así de vellos? -Ti, meu home, non ves que o cristal da ventá fai de espello! Eu son maior, pero ti, meu santo, es un vello, non te recoñeces a tampouco me coñeces a min. A Tía Manuela estaba ao lado, non poido máis e exclamou: Alabado sexa o señor!

O tempo non se para en números e en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a idade media da poboación era en 2022 de corenta e oito anos. Por cada cen persoas menores de vinte, cento sesenta e oito tiñan máis de sesenta e cinco. Somos unha poboación bela de vellos.

Te puede interesar