Opinión

O estrés das abellas

Vai fuxindo, fuxindo do estrés e non atopa acougo. De mal en peor, a punto da desesperación, cunha enorme presión na testa e no corazón a mil por hora. O estrés non mingua, non se reduce e manca. Manca á xente, aos animais todos, ás plantas da horta e ás árbores dos arboredos. Un estudo científico publicado na revista Science Advances, refírese á relevancia do estrés na abellas e aos seus efectos negativos na polinización. 

É como un “come cocos” que afecta aos seres vivos e deixa a xente sen fala e poida que sen respiración. É un mal capaz de convertese en praga e de matar, mentres segues vivindo con tal angustia. Son os nervios daqueles que están esperando algo que non chega. Ou polo menos, que non chega ata que esa tensión se vaia.

Ás abellas, non lles deixa traballar e, en consecuencia, ten efectos devastadores para a polinización, para o nacemento das flores, para o néctar e para o mel, aínda que sexa multifloral, como é a maioría do mel de Galicia. 

Aquel labrego, que coida as leiras, as vacas, as ovellas, catro colmeas e un par de trobos, é sabedor de que o estrés contáxiase e pasa duns individuos a outros sen pensar que son homes, ovellas, abellas, gatos, cadelos, uces ou castiñeiros.

Pero volvendo ao estrés das abellas, os investigadores fixeron estudos, sobre o terreo e no laboratorio, e chegaron á conclusións de que os campos electromagnéticos creados xunto a torres eléctricas de alta tensión, interfiren cos campos electromagnéticos terrestres que usan as abellas para buscar as flores e volver á colmea. As interferencias son patentes e negativas para a floración e para a produción do mel.

O estrés das abellas, desconcertadas e desorientadas debe ser analizado polos entomólogos para saber cantos e cales insectos polinizadores poden sufrir esas mesmas doenzas. Cantos serán? A ciencia seguirá traballando e os divulgadores irán falando e contando. 

Eses cables de alta tensión, por onde sae a enerxía eléctrica que se produce en Galicia, orixinan problemas que aínda non teñen resposta. E, pasará o mesmo cos eólicos? A tía Manuela, neste caso, é contestataria, quere que se coñeza o efecto da acción antes de poñela en marcha, quere que se investigue e que se saiba o que está pasando e/ou pode pasar.

Te puede interesar