Opinión

Falabarato en distintos idiomas

Fala e fala e repite canto faga falta, fala e fala e non sabe calar (e moito menos, escoitar). Parece un bardallas ilustrado, un todo poderoso e un ninguén ao mesmo tempo. Anda ben vestido, ben aseado e incorpora na súa fase de presentación un estilo propio das persoas educadas, tal como tiña que ser ou como poida que sexa. Quen é? É un deles, dos que proliferan neste mundo novo, sorprendente e interesante, no que se recoñecen castas, no que se crean e reproducen castas malas.

O dicionario pode axudar a ler o que se di, definindo á casta como grupo que forma unha clase especial  e tende a permanecer separado doutros por raza, relixión, ascendencia, cheiro ou estirpe. Eles, os que tanto falan, de que casta serán? Preséntanse armados con altofalantes e non din nada, non se sabe de quen son. 

Estenden o ruído e obrigan á cidadanía a calar, interpretar e obedecer a quen manda. Todos atentos ao que vou falar! É necesario ter claros os argumentos para deixar fóra de xogo ao contrincante e a todos os contrincantes, que todos son igualmente inimigos. Á volta da esquina, na cruz dos camiños, en calquera das televisións e na mesma familia medran os contrincantes novos, moitos deles aspirantes predilectos.

Os vellos non, os vellos van seguindo o ritmo, alentando aos máis novos para que dialoguen, para que aprendan, para que desfruten e entendan que o mundo debe ser para todos, sen diferencias de sexo, sen castas e con igualdade de oportunidades, sexan brancos ou negros, sexan, migrantes ou emigrantes. O mundo é de todos, é deles, é voso e noso.

El é un falabarato e os outros tamén, andan na política e xa se ve, falan por non calar ou para agrandar o ruído que impide entender a mensaxe. Son políticos, xornalistas e intérpretes do teu (do noso) pensamento ao mesmo tempo. Falan lonxe da xente, entre eles e para eles. Ela, outro tanto do mesmo, igual que sempre, unha falabarata disposta a seguir ladeando e descuberta pola clac dos socios aplaudidores, que seguen, pouco apouco, reducindo a marcha e o número.

Algúns queren que o importante na mensaxe sexa a forma e o postín, outros discrepan e queren contidos, queren falar do seu e no seu idioma, queren agrandar a parroquia e, como di a Tía Manuela, “para cada, un o seu”.

Te puede interesar