Opinión

Mentira e verdade

Amentira, a que vén? A quen beneficia e a quen prexudica? Os que entenden e non son mentireiros responden clara e abertamente: a ninguén. E un dos que máis perde é o mentireiro, aquel trouleiro que vai falando e presentando feitos como verdadeiros sabendo que non o son ou aqueloutro que manifesta o contrario do que pensa e sente. Pero esténdese a mentira, como as herbas malas no labradío, nesas terras de cultivo e nos lameiros de xunto da casa.

Envólvense as mentiras e fan bola como se fosen neve, xúntanse e abarcan eidos diferentes, achéganse á Academia, flúen pola política e acaparan as conversas das tabernas, dos faladoiros, dos clubs de ocio e deportivos. Son mentira e, incluso, hai mentiras oficias e mentiras piadosas. Algúns, con certa ironía, din que a estatística tamén é mentira e moitos cren e insisten en que as enquisas son mentira. Quen o diría! 

Iso de que se converte en verdade unha mentira repetida mil veces é falso, segue sendo mentira. Os expertos en detectar a veracidade do dito e declarado sábeno ben. Tamén nas denuncias hai mentira. Un estudo científico demostra que algo máis do cincuenta por cento das denuncias testadas foron falsas. Denuncias falsas, si señor! Unha enorme mentira para recuperar os datos do teléfono móbil ou para evadir responsabilidades nalgunha disputa na rúa do barrio ou, mesmamente, familiar.

Un psicólogo social estadounidense, Leon Festinger, mantiña a teoría baseada no feito de que “o ser humano é consciente das súas accións e sempre que fai algo co que non está de acordo, necesita paliar a disonancia xerada”. Segundo o experimentado científico pódese conseguir con algunha ou coas tres aplicación seguintes: Cambiar coherentemente actitudes, adquirir información nova que reduza a disonancia e/ou reducir a importancia das crenzas, diso no que cada quen e, mesmamente, o pobo enteiro cre.

Respecto a esta cuestión, a Tía Manuela non se cansa de repetir, “andade sempre coa verdade, para ir coa cabeza erguida a todas partes”. Os que poidan, que tomen nota. Desa maneira non sería necesario o VeriPol, ese polígrafo de intelixencia artificial que acompaña aos buscadores da verdade, aínda que sexa para ocultala, con calquera dos métodos que teñan ao seu alcance.

Te puede interesar