Opinión

O gatillo e o dedo

Ámañanciña xeaba xunto do rio. As herbas, as follas, as silveiras e os pastos estaban xeados. Conxelábase a voz, a forza, o espírito e a alma. Arrefriaba o camiñante que baixaba ou subía, aínda que fora a paso longo. Das gallas das árbores penduraban os carambelos e nas ourelas do camiño lucía e relucía a xeada branca, que tamén permanecía pousada nas curvas da estrada sombreada.

As chemineas das casas non fumeaban e a friaxe roía os ósos do cabalo e dos cadelos. As mulleres do lugar ou do barrio erguíanse e andaban, andaban por xunto do río canda os homes, canda a mocidade e canda os vellos, mentres os paxaros acudían aos seus refuxios para, estando ao cuberto, resistir mellor as inclemencias. Os nenos, na escola, estudando, aprendendo, interpretando e comprendendo.

O frío, como moitos saben (sabedes) é unha arma de guerra para matar aos pobres, a maioría dos que morren en tódalas guerras. Así, a guerra manca, fere as pernas, os pés, os ombreiros e os brazos. Fere o corazón e a memoria. Esa guerra que mata, destrúe e avanza ata converterse nun dos peores males da humanidade, a onde irá?

As tempestades climatolóxicas e meteorolóxicas axudan á desfeita, fomentan o descontrol e veñen sen chamar. Chegan bruando e pretenden quedar, aínda que polo refrán sabemos que “nunca chove como trona”. Tormentas tropicais, tempestades mariñas, chuvias torrenciais, secas, inundacións, terremotos e ciclóns, en acción permanente axudando ao desastre.

O espazo habitado máis frío do mundo está en Siberia. Din que é Oymyakon, o lugar onde, o 26 de xaneiro de 1926, o termómetro marcaba uns setenta graos baixo cero. Cerca, nesta mesma zona, está a cidade máis fría do mundo, Yakutsk, na que a temperatura invernal pode chegar aos cincuenta graos baixo cero. As bágoas da xente que chora, os mocos da xente, o alento e o respirar conxélanse de inmediato con tanto frío. E, para evitar o proído das frieiras, cómpre gardar as mans no peto e telas gardadas e tapadas igual que o nariz e as orellas. 

Moito frío de inverno e calor abondo no verán, para sentir a fortaleza dos corpos e para descubrir a capacidade de adaptación dos humanos. Do frío á calor e moito frío, sempre, ata acabar co gatillo e o dedo conxelados no mesmo bloque, antes do primeiro disparo. 

Te puede interesar