Opinión

O peor é morrer

Naceu e morreu o mesmo día do mesmo mes, con noventa anos de diferencia entre os dous acontecementos. Na familia e na veciñanza discuten entre eles e intentan descubrir cal das dúas datas foi máis importante, cal dos acontecementos foi máis proveitoso, cada un no seu tempo. A maioría arrimouse á opinión de que o segundo foi a solución, mentres que entre os dous estaba o problema, un problema de dimensións proporcionadas ás de moitos que se achegan cada día.

Tamén hai quen pensa que o problema está, inevitablemente, no primeiro acontecemento. Se non se dera, todo sería diferente ou non sería. E que?, que pasa? -Nada, efectivamente. -O que nada non se afoga. E nisto obsérvase que todos están esperando pola escampada. Escampara algún día? Quen determina a data da morte da xente e quen acorda que alguén naza e morra o mesmo día, o día do aniversario? Quen?

Hai investigacións sobre isto. Unha delas, dirixida por Vladeta Ajdacic-Gross da Universidade de Zúrich, di que os aniversarios rematan letalmente con máis frecuencia do esperado. Neste estudo, publicado en Science Direct, analizáronse os datos de dous millóns e medio de mortes en Suíza, entre os anos 1969 e 2008, e as conclusións son que hai varios factores para que se produza un índice de mortalidade maior no día do aniversario, entre eles, o accidente con caída e o suicidio.

O festexo ten consecuencias perigosas, despois da euforia poden vir os infartos e derrames cerebrais, converténdoo estatisticamente no día máis mortífero da vida. As emocións e sobresaltos son outras das causas que dificilmente poden controlarse. Non somos nada. É evidente e sabido que un home non é nada, un só é pouca cousa, aquí e onde queira que sexa. Nada, non é nada. Na política tampouco. O líder, se non ten quen lle axude e quen lle vote, non chega a ningures, desínchase e retorna á nada, morre, como o Globo de Betanzos, como a roda pinchada. 

Temos unha listaxe enorme de personalidades coñecidas que naceron e morreron o mesmo día, entre elas, a actriz Ingrid Bergman, o saxofonista y clarinetista de jazz Sidney Bechet, o pintor Rafael Sanzio, a feminista e autora de ‘A mística da feminidade’, Betty Friedan, ou o dramaturgo William Shakespeare. A Tía Manuela teno claro e di que “o peor é morrer”.

Te puede interesar