Opinión

Para ver e chorar

Ela acordábase perfectamente daqueles baldes de zinc para a auga do pozo ou da fonte. No pozo, aquel caldeiro de asa lixeira, estaba colgado na corda da roldana e baixaba baldeiro ao pozo inmenso en capacidade e frescura, para subir, pola mesma corda, paso a paso, pouco a pouco, coa auga bebedeira, tan incolora como ela era, tan saborosa e tan sa. Dicían os vellos do lugar que a auga do pozo da eira comunal curaba os males dos mortos. Ringleiras de mulleres ían co seu balde pousado nunha rodela de fentos, e a rodela na cabeza, cara a casa onde comían e durmían. 

A auga da fonte tamén curaba, pero nela non tiñan tanta confianza os do lugar. Agora, nestes tempos novos, veña de onde veña, a auga chega ás casas e ata a boca das persoas ou dos animais en envases de plástico. Milleiros de millóns de botellas en formas diferentes circulan cada día por diante dos ollos nosos, por diante dos ollos dos vixías, dos que se encargan do coidado do medio ambiente, dos que falan da rexeneración, da atención e da necesidade de respectar á natureza. 

Aqueles que tanto falan, neste caso calan e outorgan, mentres os plásticos apodéranse dos mercados, dos estantes feitos de plástico e con tódolos produtos envoltos en plástico. Máis plástico para levar a compra, para envolver os produtos plastificados, para as bolsas, os carros e para pagar, tarxetas de plástico. 

Sen dúbida, o plástico é un dos produtos que máis se vende en calquera dos establecementos de calquera cadea comercial. En moitos casos, ao prezo do arroz, da robaliza ou da tenreira suprema. Describíao moi ben o veciño daquela casa da esquina, ao volver da compra: “tres bolsas de quince céntimos cada unha e as bolsas de dentro, pesadas e pagadas como a comida e os outros produtos de primeira necesidade”. 

Ao parecer, nos últimos dez anos a produción de plástico aumentou moi considerablemente. Está presente en todo, de modo moi especial nos envases e, agora tamén, formando parte dos materiais de construción e na fabricación automobilística. Esta é a época do plástico, do negocio do plástico, da contaminación da terra e dos mares. Os caldeiros todos e os baldes do pozo son de plástico, o que nos rodea é plástico para usar e tirar, para encher os mares e contaminar, para mirar, ver e chorar. 

Te puede interesar