Opinión

Parabéns merecidos

Crear, cultivar e distribuír coñecemento é un dos principais obxectivos dos centros de investigación, dos institutos de investigación, dos grupos de investigación e das universidades que investigan. Crear coñecemento que serva para a vida é unha tarefa que require esforzo económico e intelectual, hai que labrar o campo, coidar a semente e axudarlle a medrar para que medre como se fose un carballo desa carballeira vella ou un castiñeiro de crecemento lento, daquel souto solleiro.

Para alentar o traballo na investigación relacionada coa saúde das persoas, o señor Ramiro Carregal creou o Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía e, na súa cuarta edición, o galardón foi para a doutora Amparo Martínez Monzonís, prestixiosa cardióloga no hospital universitario da capital galega e directora dun grupo no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Os parabéns para a premiada chegaron de arriba e de abaixo e todos os que a coñecen recoñecen que son sinceros e merecidos. Parabéns tamén para o mecenas. 

Amparo é a presidenta da Asociación de Imaxe da Sociedade Española de Cardioloxía e no traballo premiado, “Estudo de marcadores prognósticos na insuficiencia tricúspide (TI) significativa na era percutánea: o papel da imaxe cardíaca avanzada e a graxa epicárdica”, participaron tamén A. García, B. Díaz, V. González, S. Eiras e R. Trillo. Todas e todos saben perfectamente que para avanzar no eido da medicina é fundamental a cooperación, o traballo colectivo e, se hai que facer unha intervención cirúrxica, identificar o momento máis adecuado para a súa realización. 

Hai que erradicar ese mal da ignorancia que tanto dana e retarda as melloras sociais, hai que seguir os pasos dos profesionais que buscan remedios, que procuran medios e que poñen o seu talento e a súa experiencia ao servizo da colectividade, ao servizo da sanidade e da saúde, sabendo -como moitos dos lectores saben- que quen non engade nada ao seu coñecemento, o que fai é diminuílo e, xa que logo, reduce aínda máis o seu poder.

En Galicia a roda xira e segue xirando. Vai rodando! A investigación está en bo momento e segue producindo un alto rendemento, xa o di a Tía Manuela, “as autoridades que presten atención e que recoñezan que con moito menos estase facendo moito máis”.

Te puede interesar