Opinión

Xa se verá!

Os avances que persigue a humanidade poden pasar por diante do andar do home, se non se pon remedio. E, quen lle pon o cascabel á gata? Geoffrey Hinton, un dos considerados pais dunha técnica esencial da intelixencia artificial, a aprendizaxe profunda, e estudoso -como científico e tecnólogo- das redes neuronais para o recoñecemento da voz e o procesamento da linguaxe natural, é partidario de buscar fórmulas para controlar a intelixencia artificial “antes de que sexa tarde”.

Este británico, residente en Canadá, deixou o seu posto na compañía Google para cooperar na redución do impacto negativo do que el axudou a crear e a vender. O seu falar amedrenta, “as redes neuronais pretenden imitar o funcionamento do cerebro humano” e aí está a evidencia do problema. Poida que a aprendizaxe sexa tan eficiente que a técnica, aprendida ou ensinada, non poida ser dominada pola intelixencia que a creou. 

Efectivamente, hai quen pensa que os ordenadores poden dar respostas máis rápidas e posuír maior capacidade, en calquera proceso de aprendizaxe, que o propio cerebro dos humanos listos. A utilización de algoritmos é capaz de facer do proceso biolóxico da aprendizaxe secuencias matemáticas, que desbordan a capacidade do cerebro de cada un dos lectores, do meu e do cerebro do mestre. 

A máquina é capaz de aprendelo todo, de intuír, de sentir e, probablemente, sexa quen de namorar. Os científicos teñen que refrear os amoríos desa máquina, para que sega sendo un aparello que, con elevada utilidade, aprende palabras e números, sen máis. Tamén aprende como combinar esas palabras e eses números para crear contidos, para xerar ilusións e esperanza. 

Hinton fala dos robots soldados, preparados para resistir e gañar, igual que aquel exército da Pena Ventureira, de homes de palla e fusiles de madeira, ao que non puideron derrotar. Aquí non, neste caso, coa intelixencia artificial manexando o fusil, poden destruír á humanidade enteira, facer táboa rasa e dar paso a outra era.

A Tía Manuela, coa súa intelixencia natural, desconfía do que poida pasar, neste mundo e neste tempo, cando o desenvolvemento da tecnoloxía está baixo o dominio de empresas privadas, cos gobernos e a gobernanza ao seu dispor. Algúns pensan que un paso atrás pode ser un avance no compromiso social. Xa se verá!

Te puede interesar