Opinión

A guerra, para matar

O que máis pode poida que sexa quen ten menos razón. Iso si, os poderosos saben que as guerras son para acaparar, para arrexuntar máis poder, para matar e matan. Ningunha das persoas que cada un de vostedes coñece e trata sería quen de discorrer e xustificar as causas que converten a algúns homes en asasinos. Ningún podería matinar, nin pensar nin soñar que podería pasar o que está pasando, neste mundo de desorde mundial, con eses homes que se apertan ao mal e que disparan directamente á testa dos seus iguais. 

Rompen a orde lóxica da convivencia e matan indiscriminadamente, con ímpeto e con fervor, aos deste lado e aos do outro. Os mortos son todos iguais. E aínda máis iguas para aqueles que saben (sabemos) que tódalas persoas teñen a mesma dignidade humana. E todas, antes ou despois, morren e alá van. Onde iran os mortos que eles mataron? Os mortos das guerras, os mortos de fame ou das enchedelas e os que viviron en plena miseria, onde irán?

Os teóricos, historiadores e, mesmo, os militares falan da guerra como se fose algo normal, citan a moitos dos conflitos activos e non son quen de actualizar a listaxe das guerras. Unha das últimas apuntadas é a declarada por Israel, esa que divide ao mundo entre bos e malos. Esa, que como todas as guerra, é mala para uns e boa, ou moi boa, para outros poucos. Que mágoa!

Cando parece que debía achegarse a paz e envolvelo todo, cando se vía pousada aí, como un mantel tupido de esperanza, achégase outra vez o retroceso, para volver a empezar, para que todos saiban que o negocio é o negocio, no que importa pouco a xente, quizais, menos que os cadelos e moito menos que os xabarís. 

Os contadores das guerras enuméranas pola carteira, polos foguetes armados, por eses aparellos de matar, polos avións militares, polos tanques, polos mísiles e polos mortos arrastrados. A guerra é para matar e para gañar, para vexar aos veciños, para maltratar, aldraxar e humillar aos pobos. 

Quen fai a guerra, quen a impulsa e a promove? Obviamente, non son os pobos que morren nin os irmáns que disparan. Como di a Tía Manuela, son os que viven dela, os da industria das armas, os da reconstrución da nada, os que fan negocio coa morte, co sangue e coa miseria dos outros. Se vostedes queren, acabamos coa forza deste berro: Non á guerra!

Te puede interesar