Opinión

O futuro é un falar

Todo vai, unhas veces ben e outras mal, pero vai indo, recordando o pasado e con ansias de mirar para o futuro, alí onde agardas ti. Ti, el e nós seguiremos camiñando, como peregrinos, mentres ese futuro se escapa amodo, andando diante de tódolos camiñantes, veñan de onde veñan e vaian para onde vaian. Si, o futuro vai diante e non agarda polas présas nin polas demoras. Parece que todo está no pasado, incluíndo o camiño que temos por andar.

En chegando a Santiago, cal será o futuro dese peregrino que anda por cuarta vez polo mesmo camiño? E os promotores, defensores e divulgadores dos valores do Camiño de Santiago, que tan cerca nos queda aos galegos, a onde irán? Unha amiga dicíao con claridade total: “Directamente ao pasado e, probablemente, ao esquecemento”. Sen deixar tempo para pensalo, xa pasou, alá vai nun recuncho da memoria. 

Para o mesmo recuncho foron os dezanove gañadores do premio “Facer País” da Asociación Val de Láncara, agora movida por xente nova e continuadora do facer de Ramón Arrojo, Manuel Fernández Arrojo e Carlos López Sierra. E na porta de entrada do mesmo cuarto está xa a gañadora da edición deste 2022, a grandísima Luz Fandiño Rodríguez, unha picheleira que ama a poesía, que versificou a Farangulliña de neve (1998) e que, segundo lle dixo á xornalista Uxía Iglesias, loita para que a mocidade “non pase fame de comida nin fame de ler”. Noraboa!

E ao falar de premios, parabéns tamén para as alcaldías, para as corporacións municipais e para a veciñanza de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino, por facer merecedora do Premio Internacional APECSA 2022 á Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, que integran e coa que queren, “por encima de todo”, alongar o futuro do seu patrimonio cultural, de Galicia e, como acordou a Unesco, da humanidade enteira. Queren reforzar o coñecemento do medio e non perden a esperanza de conseguilo.

Aí está o Camiño de Santiago con mil anos de historia, con millóns de millóns de pegadas que xa se foron, con homes e mulleres traballando por un futuro mellor, por un Camiño mellor e por unha sociedade tranquilamente mellor. Todo pode ser mellor. Pero, como di a Tía Manuela, “o futuro é outra cousa, é un falar”. 

Te puede interesar