Opinión

Triacastela, no principio e no medio

Os historiadores non se paran niso, pero hai quen di que o nome de Triacastela ten a súa orixe nos tres Castelos ou nos tres castros da zona. O seu fundador, Afonso IX chamoulle Vilanova de Triacastela e aí está como un dos lugares descritos polo Códice Calixtino de Aimerico Picaud, no principio do Camiño Francés en Galicia e no centro ou no medio do universo xacobeo, despois do Cebreiro e ao pé do Mosteiro de Samos, onde a grandeza monumental obriga a outra parada, antes de seguir camiño cara a Santiago de Compostela.

Os peregrinos veñen de lonxe e van por esa ruta marcada pola historia. Atravesan Sarria e saen desta vila de sempre xacobea pala ponte da Áspera, para chegar cedo a Barbadelo e, por Ferreiros de Paradela, baixar a Portomarín. De Portomarín, por Gonzar e Ventas de Narón a Ligonde de Monterroso e de aquí a Palas de Rei, por o Rosario e ao lado de Vilar de Donas. 

Dende as terras da Ulloa, o Camiño abre paso por Leboreiro e Furelos. Por Melide e Santa María, por Arzúa e O Pino entra no Monte de Gozo e en Santiago, para que os peregrinos desfruten, choren, recen e vexan a inmensidade da Catedral, das prazas compostelás e a grandeza tan enorme da cultura, da gastronomía e das artes deste lugar final dos camiños.

Triacastela xa queda no alto, queda alí onde todos queren volver, un “lugar de transito de culturas, xentes, opinións e miradas”. Alí onde un fito, unha mouteira traída de Xapón, deixa ver que a vila é como un nexo de unión de civilizacións, pobos, culturas, tempos e saberes. Este fito doado pola Asociación do Camiño de Shikoku Henro é outro dos instalados pola mesma Asociación noutros lugares da ruta xacobea. 

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria e o seu presidente, Jorge López, apuxaron estes encontros cos camiños de peregrinación de Xapón e, de modo moi especial co de Shikoku, que une oitenta e oito centros budistas, algúns deles de grandes dimensións e case que todos de extraordinaria beleza. 

Shikoku é a máis pequena das catro illas principais do Xapón e a ruta que a rodea, como explicaba o outro día en Triacastela o seu presidente, Hirofumi Matsuoka, é un camiño para andar dende un punto calquera ata calquera outro. Algúns galegos, lectores deste xornal, estiveron na illa e queren volver. 

Te puede interesar