Opinión

“Lucho” de Gondulfes: o mellor sorriso de Monterrei

Emilio Santos, máis coñecido como “Lucho”.
photo_camera Emilio Santos, máis coñecido como “Lucho”.

O taberneiro Emilio Santos, máis coñecido como “Lucho” de Gondulfes, rexentou cunha simpatía inimitable unha taberna nesta pequena aldea do concello de Castrelo do Val durante case seis décadas, despregando un persoalísimo carisma e un xeito cordial de servir o viño, tratando a cada cliente como se fose o único e o máis especial.

Aberta “25 horas ao día”, a súa tenda-taberna, a derradeira dunha estirpe, converteuse nun referente da viticultura tradicional de Monterrei, non só por servir viños de produción propia que servirían de base á tipicidade que hoxe presenta o territorio, senón pola presenza afable e incisiva do propio “Lucho”.

O filólogo Lázaro Carreter titulou á súa obra de referencia como “El dardo en la palabra”, e esa era precisamente a filosofía oral que exhibiu o Lucho día a día no púlpito da barra do seu bar. O dardo afiado que aínda mantén hoxe en día, cando nos dí “... oi que carallo, pero a min non me iredes poñer o `chandal´ ese das confrarías…”

A súa simpatía, atención e bonhomía sen límites converteron en algo tradicional a peregrinación de centos de clientes ata este pequeno pobo de nome xermánico, Gondulfes, case de montaña, que se intensificaba as fins de semana e veráns con representantes de toda a xeografía española.

O segredo? Simplemente o Lucho. A súa ironía desbordante prorrogaba cun sorriso a curva máis alegre da estrada a Campobecerros. A garantía de ser recibido cun alcume personalizado, e o sabor das anécdotas que serían relatadas nun bar que era pura literatura -con personaxes cuasi-mitolóxicos, coma o pedáneo Barrabintas, ou os antinómicos “Herrero e Obrero”- xa iban aledando ao persoal antes de chegar.

Escoita, amigo Lucho, esta mensaxe. Monterrei enteiro che fala: o máis negro dos destinos quixo que a curva máis bonita do Val sexa hoxe unha curva triste, e o Satanás máis negro dos infernos tentou borrar ese sorriso maravilloso que Deus che deu, o mellor sorriso de Monterrei.

Pero nunca poderá. Porque o teu sorriso nos pertence a todos, xa é patrimonio inmaterial dos veciños do Val do Támega, e non haberá inferno que o leve. Permanecerá para sempre na memoria de todos e cada un dos teus clientes -amigos- e agora, con este recoñecemento que desde o corazón de todos che entrega a Denominación de Orixe Monterrei, quedará rexistrado para sempre xamais, encapsulado nas hemerotecas e nos vídeos, e saberán as xeracións vindeiras por sempre do exemplo dun home bo e xeneroso nas abas dos montes de Gondulfes.

E tranquilo, Lucho, ten por seguro que a Confraría dos Viños de Monterrei non che obrigará a poñer ningún “chándal deses…”. O que non che vai quedar máis remedio que aceptar será unha aperta infinita de todos, hoxe venres ás seis media na Parroquia de Santa María a Maior en Verín, no teu investimento como confrade, que nunca tan merecida homenaxe houbo nestas terras.

Te puede interesar