Opinión

Elixio Rivas, a auga de Ourense


Nesta terra repleta de talento e creatividade poucos nomes están á altura da intelixencia de Elixio Rivas, unha figura fundamental da nosa historia. A súa pegada mídese na profundidade vital deste construtor de Ourense, un “ourensabio” arquitecto da nosa cultura. Por iso, en realidade, a memoria de Elixio Rivas e as súas achegas ao común estarán sempre entre nós. Porque o seu legado é un tesouro: el soubo investigar, preservar e impulsar como case ninguén a nosa historia, a nosa fala e as nosas tradicións. 

Don Elixio adicou toda a súa brillantez e formación en favor do desenvolvemento de Ourense e de Galicia. A súa dilatada carreira profesional aportou fitos clave, vitais para o fortalecemento da nosa identidade a través dunha rigorosa obra de estudo e difusión en ámbitos tan diferentes coma a lingüística, a onomástica, a toponimia, a historia ou a etnografía. O seu traballo é unha valiosa contribución para o autocoñecemento de Ourense, que lle rendeu unha merecida homenaxe coa entrega da Medalla de Ouro, distinción outorgada a un dos fillos máis ilustres desta provincia. O seu discurso daquel 1 de abril de 2019 quedará sempre, por certo, entre os máis brillantes pronunciados na historia do Pazo Provincial. 

Elixio Rivas tamén sobresae coma referente no compromiso co país. Completamente ourensán, a xeografía da provincia enteira -e en particular a súa comarca natal, á que lle adicou o estudo “A Limia”- ten un espazo principal na súa traxectoria. A ourensanía, esa compartida peculiaridade de ser e entender dos que somos deiquí, completa o seu sentido a través de mulleres e homes como Elixio Rivas. Porque a súa enorme proxección nunca quebrou os irrompibles vencellos coa súa terra, reivindicando con feitos a capacidade de elevarse no académico sen esquecer a conexión cun pobo ao que coñecía mellor que ninguén. A súa propia biografía, coa súa infancia labrega e todas esas barreiras franqueadas a base de talento e esforzo, é parte da súa obra, con fitos tan potentes coma os milleiros de contribucións ao dicionario e a toponimia galega, o marabilloso proxecto do Léxico Rural de Galicia ou accións públicas dun valor que so puidemos comprender na súa totalidade co paso de tempo, coma a recuperación e posta en valor do Camiño Mozárabe. 

Traballador incansable, Elixio Rivas encargouse durante décadas de recoller o legado dos últimos herdeiros da tradición galega. Fillo da fame da posguerra, viaxou por todo o mundo e ampliou os seus estudos e traballo mentres mantiña, quizais como máxima aspiración, impedir o esquecemento da memoria dese rural ao que orgullosamente nunca deixou de pertencer. Coñecer a nosa lingua, reivindicou, é coñecernos a nós mesmos. E, ampliamos, para entender por completo a fondura de Elixio Rivas foi necesario coñecelo. Os que tivemos a fortuna de estar con el podemos ser testemuñas privilexiadas: cada conversa, cada momento compartido con el, é un vívido fragmento dun home excepcional, un intelectual cristián profundamente humano, tan humilde como xeneroso. 

Elixio Rivas é, sen ningunha dúbida, peza imprescindible da memoria galega do século XX. Sempre estaremos en débeda de gratitude con ese intelectual que recolleu a Medalla de Ouro da Provincia explicando como o topónimo “Ourense” data de hai 4.000 anos e procede da auga que proporciona a nosa identidade. Hoxe, co permiso de Don Elixio, debemos remarcar que en realidade Ourense procede de persoas como el. Grazas. 

Te puede interesar