Opinión

A historia roubada

Hai uns días, uns reporteiros da tele saíron á rúa na capital do reino e preguntáballe á xente si sabían ou coñecían a determinados persoeiros que foran ministros e presidentes no tempo da II República. Tamén preguntaban si a data do 14 de abril lles dicía algo. De todos os entrevistados, agás un señor maior, descoñecían do que se lles estaba a preguntar. A entrevistadora, vistos os resultados, tentaba saber se na escola se ensinaba algo sobor dese tempo histórico. E todos concluían que na historia de España, dende Alfonso XIII pasábase á época de Franco e logo á reforma política que trouxo a democracia. O período republicano e o que nel acontecera era algo que quedaba borrado para os alumnos, como se non existira.

Como xa choveu dende o tempo da Transición, as preguntas que buscan unha resposta sobor do acontecido nun período tal convulso da nosa historia son merecentes dunha contestación. Agora que hai grupos que falan da manipulación na escola e que soñan con volver ós tempos do oscurantismo nas aulas, é o momento de deixar claro que os pobos que descoñecen o pasado corren o perigo de pegar contra a mesma pedra na que neses tempos se esnafrou a sociedade española. Ou sexa: na do radicalismo e a do enfrontamento irracional, onde a palabra e o diálogo perden espazo e gáñao a violencia verbal e o que pode acontecer despois.

Quen esto afirma é un de tantos cidadáns ós que lle roubaron e manipularon a historia. Soamente nos contaron a visión dende o punto de vista dos vencedores, e soamente soubemos algo do mundo republicano xa de maiores, e contado con moito secretismo. Vamos, como se fose algo prohibido. Borrar dun plumazo un tempo, agochar uns anos que tiveron os seus avances e os seus problemas e tamén desordes, obviar un pasado moi convulso, é como arrincar e silenciar unha parte da nosa vida que, pra ben ou pra mal, nos pertence,

Que os estudantes de hoxe, despois de tanto tempo en democracia, descoñezan os avances e contradicións dunha parte da vida en común é algo que ofende. Unha alumna dun colexio desta cidade que, nos setenta do século pasado, estudaba o Bacharelato, conta que o profesor lles dicía o seguinte: “Que lle diría Franco a Hitler para que España non entrara na Segunda Guerra Mundial. Que argumento lle exporía o noso Caudillo?”. Segundo me relata, as alumnas non responderon nada pois descoñecían incluso que houbera unha guerra civil no seu país. 

Despois de escoitar esta anécdota, a resposta parece evidente: pois que lle iba a dicir un tirano ó outro: que era un aliado seu. Ou sexa: un amigo do nazismo, un defensor das súas teses.

Se o ser humano se esnaquiza dúas veces contra a mesma pedra, é maiormente polo descoñecemento da súa historia. Por eso, agora que se cumpren anos da proclamación da II República, sería un bo momento pra analizar máis o acontecido nesta época; saber das súas luces, que as tivo, como foi a aposta pola cultura e o saber, a liberación da muller, e tamén as súas sombras, erros e desmáns que os houbo. Mais o que nunca pode pasar e que lle rouben e agochen partes da historia ós cidadáns, a non ser que se queira que estes vivan sumidos no descoñecemento e a ignorancia permanente.

Te puede interesar