Opinión

A noria do tempo

 Xa chegou o outono cargado de vento

arrincado follas que están sen alento. 

Atrás queda o verán con ledos recordos, 

con brisas de mar e días moi longos.

Xa chegou o outono con ledas fumeiras

con nuves e noces e tardes pequenas,

anunciando triste, coas choivas primeiras, 

despois do Martiño: o inverno chega.

Os anos pasan e as datas coas súas festas e compromisos fannos revivir tempos que quedaron atrás e que xa son parte da nosa historia persoal e colectiva. Vivimos, alomenos onde están moi marcadas as catro estacións, presos dun calendario que se repite como se fora un mantra e que lembra días, santos, festas e demais aniversarios pra que non nos esquezamos de están aí e que hai que seguir a roda do tempo, pois se non o facemos estamos fora de xogo. Mellor estamos mortos en vida ou, polo menos, socialmente.

Chega de novo o outono chamando ó inverno, e volve un tempo máis ben tristeiro e gris, pois caen as follas e todo parece un chisco máis escuro. Ven o tempo dos cogumelos e tamén os crisantemos pra lembrarmos ós seres queridos que moran nos nosos cemiterios. Tamén chega o tempo dos magostos, que son xuntanzas de amigos, familiares e veciños, e con eles a lembranza de que hai un ano estaba fulano e mengano, e mira, xa están no outro mundo. Chega tamén o cambio de hora e con el a mesma matraca que repite o eterno debate sobor da súa comenencia. Uns din que se é mellor deixalo como está e outros non; tamén se debiamos ter a hora do veciño Portugal, e veña e dalle. Con todo, son dos que penso que nunca teremos a hora dos portugueses, pois ó querer manter un mesmo horario en todo o Estado, seguiremos os galegos amolándonos coa mesma cantinela do cambio en marzo e outubro.

Máis este ano o outono ven moi cargado de cousas novas, e trae, ademais do de sempre, a incerteza política, dado que estamos convocados de novo pra votar. E xa se sabe, as eleccións sempre son algo imprevisto e á vez incerto. Poden pasar moitas cousas. 

Outra novidade, alomenos en Ourense, onde goberna o alcalde das escaleiras que ten certa diarrea verbal, é que este ano seica haberá algo que lembre a Santa Compaña, iso é o que di o concelleiro de Cultura. As ánimas sairán á rúa non sabemos se en plan festivo o pra meter medo. Mais, a min iso de xogar coas cousas que lembran a morte, nunca me gustou. Logo virán catro días de festa, pois o Magosto seica vai cambiar a súa faciana dado que teremos lumieiras e chourizas catro días. Logo, a todo iso hai que sumarlle que, emulando ó alcalde de Vigo, o alumado do Nadal logo será unha realidade. Por iso, xa hai quen fala de que chegan as datas do consumismo acrítico. Si, desa fantasía de candeas de cores e papeis de aluminio con estreliñas que convidan a vivir o presente e consumir a tope e sen recato. En fin, a nosa sociedade é así. E aseméllase a esa noria que da voltas e voltas e a que nós lle seguimos o paso, todo elo pra non quedarmos encorados no tempo e descolocados nesta sociedade que camiña un tanto aloucada. 

Habituámonos a vivir de presa e non sabemos como para a roda do tempo pra meditar un chisco, pra falar do modelo de vida que temos e se será sostible ou non. Por iso pregunto: será posibel outro xeito de vivir sen estar tan atados o calendario e o consumismo acrítico que case nos abafa e que está en todas as celebracións do almanaque? Polo de hoxe, penso que non. Seguiremos camiñando ó paso que nos marca a noria do tempo e xa veremos o que acontece no futuro.

Te puede interesar