Opinión

Actuar en manada

Con moita frecuencia temos novas de agresións de xente moza que, actuando en grupo, apalean ata a morte a outras por diversos motivos, incluíndo o odio ó diferente. O problema parece que se acentúa, e diante desta realidade xurden varias preguntas para porlle remedio a este problema. A primeira pregunta é: que esta a pasar para que nunha parte da mocidade se dean estes comportamentos tan bárbaros? A segunda é que pasa nesta sociedade pra que esa pequena parte da mocidade actual, esa que medrou en moitas mellores condicións de vida ca dos seus pais, a día de hoxe actúe dunha maneira ta brutal? Logo singuen outras como que está pasando pra que milleiros de mozos pra divertirse teñan que beber, ou tomar sustancias que poñen en perigo a súa saúde?

Ben sei que toda a xuventude non é así. Unha grande maioría de mozos son xente responsable que non entra nesas leas tan perigosas nin experimenta con sustancias que poñen en risco a súa existencia. Mais as preguntas precisan respostas e medidas para reverter unha situación que non vai por bo camiño.

A xuventude sempre foi unha idade na que se practica a tolerancia e o respecto ó diferente. Sempre foi tempo para a solidaridade e para a colaboración social na comunidade onde vives. Sempre foi o tempo para idealizar e abrazar compromisos sociais e políticos. Eso era así cando queríamos saír da ditadura franquista. Mais a día de hoxe, sempre salvando as excepcións, moitos deses valores perdéronse e a participación social e colaboración desinteresada nos problemas colectivos desapareceu en gran medida. Tamén pasaron a un segundo plano virtudes como a do esforzo para acadar mellores resultados no estudio, e incluso a solidariedade social coa colectividade.

Pola contra, aparecen outras maneiras de actuar un tanto borreguiles, como a de facer tropelías en grupo para difuminar as responsabilidades que delas se derivan.

Moitos valores básicos e fundamentais desta sociedade están en horas baixas. Nenbargantes esa xuventude que actúa e que se divirte arredor dos botellóns, non ten a capacidade de unirse para traballar pola mellora social das súas condicións laborais; condicións que a día de hoxe son moi precarias. Ás veces escoitas como se culpa a sociedade de todo o que acontece, no canto de unir esforzos para enfrontar o problema. Laiarse sempre culpando ós demais da falta de inacción, de pouco vale.

Un mozo pagou coa vida na cidade da Coruña a actuación dos que, agochados nun grupo, agreden en manada como os lobos; pagou caro o odio desas minorías que practican a violencia; desas persoas que soio camiñan pola vida guiados por instintos primarios que están moi lonxe dos valores dunha sociedade democrática e tolerante co distinto.

En fin, mentres nunha sociedade non se protexan os valores básicos de convivencia, de respecto o diferente e estas xentes que actúan en manada non se castiguen duro co peso da lei, será difícil atallar un problema que nos avergoña como comunidade que quere vivir en liberdade.

Te puede interesar