Opinión

ADEUS, TRISTEIRO 2013

O2013 pasará a historia como o ano da crise económica e o rescate da banca; tamén pasará por ser o ano do pufo das preferentes e dos desafiuzamentos. Estes feitos trouxeron moita incertidume económica e puxeron diante todos nós a ausencia dun futuro prometedor a curto e medio prazo. Hai un tempo, todos os cidadáns pensabamos que cando rematara o terrorismo etarra virían días nos que os sobresaltos polos atentados da banda darían paso a unha nova época que auguraba ser mellor en todos os aspectos, pois o panorama político sen violencia sempre permite mellores expectativas na vida económica e social. Rematou o terrorismo e axiña apareceu a crise económica, eu diría sistémica, con toda crueza, e, en España, con máis forza que noutros estados da Unión Europea. Esta cuestión levou hai dous anos ó poder ós populares, dándolle os votantes ó PP unha maioría absoluta coa que poden, a día de hoxe, gobernar sen contar para nada con pactos nin concesións á oposición.


E así chegaron os recortes nos servizos básicos como a sanidade e a educación. Chegaron ocultos e agochados, baixo o pretexto do aforro, pero tentando modificar o modelo de xestión e mesmo de filosofía duns servizos universais e públicos. Chegou no 2012 a reforma laboral que só trouxo precariedade no emprego, despido libre e o abuso dos ERE. E, recentemente, a reforma educativa, apoiada somentes pola maioría que sustenta ao Goberno, co que está condenada ó fracaso. E con elo chegaron as protestas sociais dos colectivos afectados.


Pero, ademais neste ano que fenece, tamén saíron á luz intimidades das xentes que, en teoría, debían ser referentes éticos dunha sociedade. E certificouse que nesta España de pandeireta, faralais e pillos, a xustiza non é igual para todos. Pois a señorita acostumada a caprichos e reverencias permanentes, acostumada a que llo dean todo feito, non pode sentarse no banco dos acusados, por ser filla de quen é. Apareceu a febleza dunha monarquía que se adica a banalidades como a cazar elefantes. Apareceron persoeiros sen escrúpulos que levaron as caixas ó abismo, pero que coidaron gardarse ou apropiarse de cuantiosas pensións. Apareceron debilidades dalgúns empresarios que afirmaban que había que traballar máis e gañar menos, e que actuaban como quinquis mafiosos. E, en menor medida, apareceron algún sindicatos que andan metidos na merda da corrupción polo asunto dos ERE falsos. Logo, chegaron as corruptelas inmensas do partido do goberno, como o caso do Gurtel. E tras disto, as grandes mentiras por parte dos máis altos mandatarios. 'Nunca houbo contabilidade B', afirman Mariano Rajoy e os demais populares. E así como se de papagaios se tratará, todos a unha voz repiten e repiten o mesmo relatorio.


E agora, o presidente Rajoy di que España ten un problema de recadación económica. E esquece que o señor Montoro ten un lío na Axencia Tributaria por baixarlle a débeda a un grupo empresarial de 450 a 15 millóns de euros. E empezan a caza das bruxas dos que non se plegan ó mandato ou as súas ordes. E eu pregunto: pero, como imos pagar impostos os demais, despois de ver tanta falsidade e diferencia na vara de medir entre os grandes grupos empresariais e os cidadáns?


En fin, esta crise nacida da especulación bancaria témola que pagar os que non somos culpables, mentres dende o poder político, seguindo os ditados da troica, aplican sen piedade os recortes nos servizos básicos, e apoiados nunha maioría parlamentaria afróntanse reformas económicas e ideolóxicas que nos lembran épocas pasadas, que erradamente pensabamos superadas. Por todo elo despidamos un ano sumamente tristeiro para ver se o 2014 pode aliviar a nosa falla de esperanza e confianza no futuro.

Te puede interesar