Opinión

Unha administración paralela

Se houbera que resumir ó que acontece no Concello neste novo mandato chegaría con definilo como “máis do mismo”. Ou sexa, seguir co estilo do que se fixo nos catro anos nos que gobernou, por dicir algo, Jácome. Contratar 19 asesores para o equipo de goberno e meter moito persoal técnico, en concreto 10 persoas máis, aínda que non sabemos para que. Supoño que será xente que poda asinar o que os técnicos de oficio son reticentes a darlle o visto bo. 

As veces penso no que esta acontecendo nesa casa de todos. O obxectivo do alcalde semella claro: facer unha administración paralela que funciona segundo os mandatos do cherif. Esta é a visión de quen pensa que o Concello é unha empresa propia que manexa como lle apetece a golpe de ocorrencias. Non hai nin se espera programa nin falla que fai. Para que se precisa, se tampouco hai proxecto de cidade? O asunto é colonizar a institución con colegas e manterse no poder o máis tempo posibel. O demais, pouco ou nada importa.

Hai un tempo, tomando un café, atopei un técnico colaboracionista do alcalde que me dixo: “O do PXOM e os grandes problemas non lle interesan a grande maioría da xente”. E así foi, valeu máis mover as pedras onde non facía falla que arranxar eses grandes asuntos que esperan solución. Todos os predicamentos e promesas electorais da oposición no seu conxunto tiveron pouco peso á hora de votar. E saíu o que todos coñecemos.

E agora que? Jácome sigue coa súa teima de encher ó Concello de amigos que el escolle e sobre os que el manda e decide como se foran persoal da súa empresa. A situación resulta escandalosa se nos decatamos do montante de cartos que se despilfarran neste asunto e o comparamos co que se gastaba noutros mandatos. Pero como me contestou un concelleiro da oposición: o pobo é quen máis ordena. E a maioría dos ourensás deulle o voto a Jácome, asi que isto é o que hai.

Vendo o que acontece e o camiño que leva a gobernanilidade da cidade, eu quixera que alguén me aclarara que van facer os concelleiros Cabezas e Francisco Rodríguez. A pregunta salta á vista: van seguir sendo espectadores desa obra de títeres gris, triste e perxudicial para o conxunto dos ourensáns? Ben sei que hai grupos que se senten cómodos na oposición... naceron para eso e a súa pureza de ideas impídelle remangarse e serlle máis útiles á sociedade en situacións límite ou especiais como a da cidade das Burgas. 

Gris escuro tempo temos neste Ourense. Nada do que máis importa se afronta. E a sociedade e as súas forzas vivas viven no silencio máis absoluto. Supoño que é porque estamos de vacacións e esperan os cen días de rigor para protestar. Mais todo pinta moi mal. Así que esperemos á aprobación dos Presupostos e veremos se hai algo novo que salientar. Paciencia, pois nunca choveu que non escampara. O malo do asunto é que estas andanadas pagámolas todos.

Te puede interesar