Opinión

Algo temos que facer

Verán: días de lecer onde, ademais da praia, a montaña e as festas, hai tempo pra reflexión e para intuir o futuro deste noso planeta.

Non me veñas con retrousos nin con contos doutro tempo,/ ponte ó loro meu amigo,/ pon o día o pensamento./ Ano dous mil non sei cantos,/ cheos de tecnoloxía;/ mentres tanto desfacemos/ o planeta, a nosa vida. O mal chamado progreso/ trouxo unha forma de vida/ que se basa no consumo e tamén na avaricia./ Algo temos que facer pra endereitar o camiño/ que nos leva a esnaquizar o planeta onde vivimos. Algo temos que facer! 

A medida que pasan os anos, cada vez con máis virulencia, van acontecendo os desastres naturais. As trombas de auga son máis fortes e persistentes. Tamén as secas teñen máis duración e os incendios queiman e estragan a terra deixándoa case desértica. A contaminación atmosférica trae trastornos no tempo, e no mar, o aumento de temperatura da auga comeza a afectar e, con elo, chegan as pragas inesperadas. 

Mais, no tempo que nos tocou vivir, hai forzas negacionistas que, atadas ó modelo do consumo sen freo, din que ó aumento da temperatura mundial é un invento das forzas progresistas. E dino con tal convencemento que insultan ós que defenden unha postura avalada por datos científicos. Falsos profetas sempre os houbo. Profetas que defenden que o cambio climático é un conto e insultan ós que din que hai que tomar serías medidas si queremos que a cousa non vaia a máis. 

Diante este panorama, con secas cada vez máis longas e coa falla de auga para agricultura e incluso moitas poboacións, a desertización do rural e a morte de milleiros de pobos e aldeas é unha evidencia. Polo que salta unha pregunta: que se pode facer? 

Todos sabemos que mudar o mundo cara un modelo de crecemento que non sexa esnaquizador do medio trae aparellado loitar contra moitos intereses económicos especulativos. Todos sabemos que mover estruturas económicas e tamén mentais leva o seu tempo e tal obxectivo é moi complexo. Mais a etapa do capitalismo salvaxe debera ser unha cousa do pasado. Seguir polo camiño de contaminar sen límites, levaranos a unha destrución continua do medio natural. E todos sabemos que o planeta Terra é finito e que o sistema económico actual, baseado no consumo especulativo sen límites, deberá trocar, pois nós so somos usufrutuarios da Terra, e temos a obriga de deixarlla ás novas xeracións no mellor estado posible. 

O certo é que os que moven a economía mundial e tamén unha parte importante da sociedade non ven o perigo que está ameazando ó noso planeta. Bueno, non o ven, ou non o queren ver. E eso pode levaranos a un desastre moi difícil de atallar. 

Abramos os ollos e deixémonos de retrousos e contos doutro tempo, como di o texto do comenzo. Poñámonos ó loro, contaminemos menos e esixamos que os que contaminan máis cambien de modelo para salvar o planeta. En fin, todos, dentro das nosas pequenas ou grandes posibilidades, algo temos que facer. 

Te puede interesar