Opinión

Anova na encrucillada

Como se fora o parto dos montes, dende a marcha de Quintana e o abandono do BNG de dous sectores que conformaban a fronte política, unha parte do nacionalismo galego, baixo as siglas de Anova, busca unha definición clara do que pretende ser, cara onde quere ir, e con quen o fai, motivo polo que non atopa acougo político. A falla de definición, os pactos con forzas de ámeto estatal, un proxecto que supere o teatralismo e o exabrupto permanente, colocaron a esta formación nun terreo complicado, que amosa unha división interna seria e difícil de restañar.


 Ir da man de EU ten riscos que poden levar ós seguidores de Beiras a ser nalgún momento asimilados á esquerda federal dos comunistas. Ademáis, coas municipais petando ás portas, e co paso dado, todo augura que é posible que se reedite a coalición para entrar nos concellos alomenos das cidades importantes.


 Os resultados que se deron a coñecer despois da consulta para ir ás eleccións europeas poñen en entredito o futuro dunha parte da militancia que se sinte perdedora, pois deixa atrás os principios e as fontes onde mamou esta forza, fontes que non foron outras que o nacionalismo que eles denominan exclusivamente de esquerdas.


Non obstante, a época das frontes políticas contra non se sabe quen, por moito que se queira aparentar, quedou finiquitada e é o momento de que no nacionalismo galego se vaian clarificando as posturas e que cada organización, consecuente cos seus principios, asuma a súa propia realidade, motivada pola liña ideolóxica que decidiu seguir. Entendo que o nacionalismo galego ten que superar a adolescencia política; ten que camiñar a cara descuberta, dicindo cales son as súas bases ideolóxicas e asumir que ten que presentar un programa político crible con contidos atractivos para a grande maioría da poboación galega, se quere ser útil para as xentes desta terra. Do contrario será puro testimonialismo.


 Con todo, auguro que neste eido quedarán dúas forzas políticas que superaron o embate da ruptura da fronte e se amosen estables no tempo. Unha, a que representa un nacionalismo de resistencia, ancorado no romanticismo de ideoloxías que foron un fracaso nos países do Este europeo. E outra que, bebendo das peculiaridades da terra e da forma de ser da xente, ofreza un galeguismo integrador e un nacionalismo amable que fuxa de radicalismos estériles e pouco útiles; que sexa avanzada no eido da defensa dos servizos públicos, no eido social e que tamén lle amose o apoio a emprendedores e empresas que se radiquen neste territorio.


Estamos en momentos nos que o mapa político está movéndose e obliga a todas as organizacións a estar ollo avizor para canalizar o sentir e as necesidades dos cidadáns.


Dende este punto de vista, no mapa político galego existe un sector importante que espera unha oferta electoral coherente, que lle ofreza solución dende Galicia os graves problemas que hoxe temos neste noroeste peninsular. Anova resolveu momentáneamente a súa encrucillada particular, pero as feridas posiblemente non quedaron restañadas. Esperemos acontecementos.

Te puede interesar