Opinión

Aos señores Baltar e Villarino

A cidade camiña na rutina diaria sen rumbo, sen mantemento nin axenda de futuro. Todo vai en declive. Quen foi o que machacou, ninguneou e menosprezou ó anterior alcalde e impediulle que houbera uns orzamentos durante catro anos, agora, valéndose desta situación anormal, pretende que o concello lle aprobe unha modificación orzamentaria de 62 millóns de euros (10.292 millóns das antigas pesetas) sen consensuar con ningún grupo, para empregar non se sabe en que proxectos nin en que ocurrencias. O sr. Jácome é sabedor de que esa modificación tal como a presenta non sairá adiante, polo que acto seguido presentará unha moción de confianza que previsibelmente perderá. E, a partires dese momento, a oposición ten un mes pra presentar unha moción de censura asinada por catorce concelleiros como mínimo; de non facelo, esa modificación orzamentaria quedara aprobada e comenzará o momento pra dilapidar unha gran maioría deses cartos. Todo iso sen descartar de que o asunto acabe nos tribunais de xustiza, pois esta manobra ten migas e interpretacións sobre a súa legalidade.

Sabedor de que este desaguisado soamente o pode solucionar a postura do PP co PSOE, chegou o momento no que os líderes destas dúas formacións teñan a obriga de sentarse a falar. Milleiros de ourensáns esperan que tanta verborrea de que se traballa por esta cidade se converta en realidade. Que ten que pasar neste concello pra que tanto o sr. Baltar como o sr. Villarino aparquen por un momento as súas diferencias sobre a Deputación e lle busquen unha solución a esta anormal situación no concello? Alguén podería entender que un partido de goberno como o PP, a día de hoxe, sexa ninguneado por un alcalde e dous concelleiros que malgobernan a cidade. O circo no que se converteron os plenos ten que rematar. Polo tanto, é tan complicado que os populares cedan un voto e se poida plantexar unha moción de censura.

Señores: o Concello de Ourense está nunha situación especial e precisa unha actuación especial pra saír deste marasmo. Ben sei que a principal responsabilidade do acontecido é a de quen puxo a este alcalde. E é a de quen veta a quen gañou as eleccións municipais. Mais, permitirlle a un alcalde malgastar unha cantidade de cartos nunca vista é hipotecar o futuro desta cidade e unha aberración que traerá consecuencias negativas para todos os ourensás. Ademais do dito, está en xogo o bo nome e prestixio desta Auria, está en xogo o valor da democracia, pois se gobernan tres concelleiros, para que queremos 27?, dirán moitos ourensás. Alguén pode entender que a cidade caiga a cachos, que non teña proxecto de futuro nin obxectivos e que os dous partidos de goberno sigan sin que os seus líderes se senten a tomar un café e falar desta caótica situación para porlle remedio. Quen se atreve a xustificar co silencio e complicidade esta situación tan anormal? Quen pecha os ollos diante esta situación e mira para outro lado e logo di que traballa por esta cidade? En fin, esperemos acontecementos.

Te puede interesar