Opinión

Arroutadas

Cando o sentimento o invade todo, cando ocupa moito espazo na nosa mente, a razón queda sometida aos caprichos e aos vaivéns do acontecer e danse pasos que logo son como arroutadas das que axiña nos arrepentimos. O certo é que os gobernados, amigos da crítica sen máis, teñen a tendencia, sen pensalo moito, a dar solucións, consellos e machacar con teimeza a quen exerce o poder e, maiormente, facelo sen razoar e meditar o que se di.

Un compañeiro, certo día, díxome: “Como vin que no Concello todo camiñaba mal, votei a fulano coa idea de que, polo menos, denunciase o que alí se facía, mais non pra que fose o mandamáis, pois xa sei que non é o mellor para a cidade. E mira o que fixen: unha arroutada!” Supoño que casos semellantes hai algúns máis.

As novas e con elas as trolas e medias verdades condicionan e moito a nosa maneira de actuar. A verdade é que estamos un chisco cansos de vivir nunha sociedade que camiña á velocidade de vértigo e non nos deixa tempo para pensar con sosego e racionalidade. O día a día non nos deixa valorar as cousas e pensamos que para todo nós temos a solución, cando descoñecemos a complexidade dos asuntos que nos afectan. Todo camiña a présa e todo, en dous días, xa esta fora de tempo. Ou sexa: é antigo. E seguindo a velocidade e o camiñar da vida diaria, os que nos queren guiar, controlar e enganar, para que lles prestemos atención lanzan mensaxes curtas pero moi directas que teñen un efecto esnaquizador. Mensaxes que asumimos e facemos nosas aínda sabendo que o que pretenden é terxiversar o seu significado.

Na campaña madrileña, estas mensaxes foron claves para convencer a milleiros de votantes. A verba liberdade tivo un grande protagonismo pois xogouse con ela asimilando ser ceibe a tomar unha cervexas ou facer o que a un lle pete e cando lle pete. E iso non é liberdade, se acaso é libertinaxe. As imaxes que vimos en Madrid e noutras cidades para festexar o fin do estado de alarma son unha boa mostra. Tal mensaxe soamente afectou ao sentimento, pois estaba fora de toda racionalidade, dado que neste estado están garantidas as liberdades pola Constitución. Mais funcionou. Anulado quedou, como debera ser, pedir contas polo que se fixo en dous anos de goberno, saber o que se pretendía facer nos dous anos restantes de mandato, etc. Todo quedou esquecido a prol desa ansiada liberdade. Co que a gañadora recibiu un voto como se fose unha carta en branco pra facer o que lle pete neses dous anos restantes. E sendo isto así, despois do fragor da campaña electoral, a pregunta está servida: parece racional que a día de hoxe se vote sen ter unha idea do que se vai facer coa nosa vontade? Hai moitos anos pensei que nun réxime como o que temos a xente sería máis esixente e sensata; mais vexo que coa democracia neste eido pouco melloraron as cousas. Xa sei que hai quen vota por ideario partidario e o seu voto non vai mudar pase o que pase. Mais tamén sei que hai quen vota sen meditar moito o que fai, e logo cando ve o que acontece crítica cara a fora a quen lle deu o seu voto.

Cando os sentimentos se antepoñen á razón, os argumentos carecen de peso e entón corremos o risco de facer arroutadas e meter a pata ate o fondo. E o malo desas decisións é que, ao final, todos temos que aturar os desgobernos como o que temos na cidade das Burgas. E despois, xa non vale queixarse.

Te puede interesar