Opinión

Autobuses novos e servizos en precario

O alcalde, nunha operación de propaganda, presentou un par de autobuses eléctricos para o transporte urbano. Seica estarán circulando antes das eleccións de maio. Estamos na precampaña das municipais e hai que ensinar algo para entreter aos ourensáns. Mais o asunto ten o seu aquel, porque todos os malos gobernantes, sempre queren recuncar e seguir no machiño, ainda que saiba que no Concello das Burgas as anomalías, a desidia e o despilfarro son o pan diario que soportamos os cidadáns. 

O asunto de mercar os autobuses podería ser unha boa nova, senon fora o estado no que están os servizos fundamentais, entre eles o do transporte urbano. Pois o estar en precario, os gastos págaos primeiro á empresa e logo cóbrallos ao Concello. E no caso de Ourense, todo o que se gaste en reparación de vehículos, gasoil, mantemento, limpeza e un longo etc. págaos o Concello cun incremento, segundo sentencia, do 6% sobor do custe real máis os intereses de demora, que veñen sendo un 3%. Esta é a situación dese servizo dende o 2015, co que o gasto dos autobuses vese incrementado dunha maneira moi importante. Non obstante, o actual mandatario no canto de quitala a concurso opta por mercar uns autobuses e veremos como remata este asunto.

Pero nesta situación de precariedade están moitos máis servizos. Citarei algúns: a recollida do lixo, os semáforos, a ORA, a grúa, o subministro eléctrico e recentemente caducou a concesión da auga.

Supoño que moitos ourensáns son descoñecedores desta cuestión que aumenta dunha maneira moi importante o custo destes servizos básicos, todos necesarios para o funcionamento diario do Concello, pois o estaren caducados os convenios, o sobrecusto recae sobor das arcas municipais. A tres meses das municipais, nin que dicir que de todo o prometido en campaña por Jácome nada se levou a cabo. Nin o arranxo dos contedores soterrados nin temos PXOM e rexémonos polo plan de 1986; nin temos a Praza de Abastos, finalizada; nin funcionando a Praza da Ponte; tampouco temos a piscina das Burgas con auga, e xardíns como o do Posío están esnaquizados. En fin, que todo o que prometeu este persoeiro quedou no esquecemento e, a día de hoxe, a cidade de Ourense está nun desleixo importante e carece dun mínimo creto diante as demais institucións públicas. Esta é a situación deste Concello onde á cidadanía a tratan como se foran nenos ós que se lle dá un chuche para que estean contentos. E o que se fixo ao andar polas rúas ensinando uns coches novos foi intentar que todos esquezamos o despilfarro de cartos públicos que se practica dentro desa casa. Mercar uns vehículos que aínda non se sabe o custo nin onde se van cargar as baterías, é tanto como enredar sen saber para que. Todo un disparate para despistar ós cidadáns desinformados de como están as cousas por dentro dun Concello onde a maioría das áreas non funcionan nin hai a quen dirixirse cando hai un problema.

Hai relacións políticas que saen moi mal. E deso saben moito os que lle aprobaron os presupostos a este alcalde. E agora láianse de estaren fora do goberno, polo que nin son oposición nin nada de nada. Mentres, o individuo rise de moitos milleiros de ourensáns que ven como fai o que lle peta en completa minoría. 

Triste futuro lle espera a esta cidade. Ourense comenza a semellarse á Marbella do desaparecido Gil. E o pufo que quede nesa casa pagarémolo os ourensáns. Todo o que acontece, ademais do despilfarro, ronda o chabacano, chocalleiro e o zafio... mentres fagamos festas para adolescentes e a mocidade... Están os ourensáns cegos para non ver a situación actual na que se atopa o Concello? 

Te puede interesar