Opinión

Camiño de Samil

Unha cantiga de súpeto chega o meu maxín. É unha melodía que hai tempo non escoito, mais lémbrame tempos vividos. Si, datas moi distintas ás de hoxe. Estamos no verán e, aínda que este ano é un tanto atípico, sen saber cal é a razón, a música de marras tráeme á memoria aqueles anos cando ós domingos collíamos o coche e marchabamos cara Vigo á praia de Samil. Aínda se andaban a rematar os accesos a Galicia e a viaxe nos coches daqueles anos, maiormente utilitarios, era un tanto longas, viña durando dúas horas sen sumarlle as paradas de rigor que eran na Cañiza e no alto de Fontefría. Lembro que, como mozo, aquelas escapadas eran pra moitos unha ilusión. Chegar a aquil areal de Samil e xogar coa auga, correr cos amigos e sobor de todo xantar, case sempre baixo a sombra daquel piñeiral, era unha tentación a que non se podía un resistir. E xunto a esas lembranzas xurden as comparacións. E un conclúe que moito cambiaron as nosas vidas e as infraestruturas. Samil, naqueles anos setenta e oitenta, era ós domingos coñecida como a praia dos ourensáns. Dado que eran moitos os veciños desta provincia do interior os que alí se xuntaban pra pasar un domingo de lecer. Logo, pola tardiña, de novo de volta pra cidade das Burgas. E xa sabíamos cal era o que máis temíamos: as colas que, pra entrar na urbe, había dende o barrio do Pino. Atascos permanentes e a aguantar naqueles coches, que á vista dos que hoxe hai, eran uns cacharros.

Moito mudaron as cousas co remate dos accesos e logo coas autovías. E aínda que falta o tren, Vigo e outras cidades galegas están a unha hora dende Ourense. Moito cambiaron os medios de transporte e os viais nestes máis de 50 anos. Ourense sigue sen mar e a pesares de que hai quen aínda soña con el, camiña cara as praias con mellores comunicacións que naqueles anos. Soñar nunca tivo cancelas, pois estes días escoitei que hai ourensáns que volven soñar con ter mar nesta cidade. Aínda que nin siquera coidamos e preparamos os nosos lugares onde podemos bañarnos ou tomar as augas quentes ou frías. Na década dos setenta, ir a Samil era o punto de encontro de moitos ourensáns que soñaban cun chapuzón no mar de Vigo; si, no mar das cantigas de Mendiño. A viaxe era unha penitencia que afrontabamos con ledicia. Unha cantiga lembroume aquelas escapadas dominicais, mais debo dicir que outras cantigas tristeiras recórdanme que Ourense non ten mar, nin tampouco coida nin mellora os recursos que ten coas augas quentes; que Ourense ten recursos mais non ten capacidade nin iniciativa pública e privada pra explotalos; que Ourense non ten, pero tampouco aspira a ter, algo interesante que nos ubique con personalidade propia no mapa galego e do Estado. E como exemplo cito as pozas e a piscina das Burgas, hoxe secas.

En fin, a cantiga, que lembra o pasado feliz daqueles domingos, sábeme un chisco agridoce. E recórdame un tempo que non volverá. Un tempo moi distinto e distante o de hoxe; un tempo pra comparar e contarlle ós netos, aínda que estes digan con frecuencia: “Non me contes batalliñas avó”.

Te puede interesar